Cáccamo traza unha viaxe íntima polas pólas da árbore familiar

Literatura

O escritor vigués recupera a memoria familiar a través das historias de pais, avós e bisavós, con testimonios e documentación

Rexina Vega, Xosé ‘Pepe’ Cáccamo e Henrique Alvarellos, onte na biblioteca da EMAO.
Rexina Vega, Xosé ‘Pepe’ Cáccamo e Henrique Alvarellos, onte na biblioteca da EMAO. | J.V. Landín

O escritor vigués Xosé Cáccamo presentou onte o seu novo libro, “Árbore arriba”, publicado por Alvarellos, na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios. O proxecto que se mergulla na memoria familiar, combinando lembranzas persoais con documentos históricos e fotografías. Lonxe de perseguir unha biografía convencional, Cáccamo opta por unha aproximación literaria, na que a memoria se constrúe a base de escenas, impresións e datos que xorden durante a propia escritura.

“Non pretendo facer unha investigación académica”, explica o autor, “senón ofrecer unha mirada literaria sobre os devanceiros, deixando que as súas vidas aparezan fragmentariamente, como sucede coa memoria”.

O libro compila historias de seis antepasados, entre eles o bisavó Emilio Álvarez Jiménez, catedrático de retórica e poética no Instituto de Pontevedra. Cáccamo confesa que descubrir a súa vida e a súa forma de distribuír os manuais en institutos de toda España foi unha auténtica sorpresa durante a investigación: “Foi un descubrimento inesperado toparme con que el almacenaba e distribuía os exemplares el mesmo, forzando cambios na lei para poder compatibilizar a docencia coa publicación”. Outro protagonista é Francisco Vázquez Parra, bisavó e gardia civil, cuxa traxectoria puido reconstruír a través de noticias en xornais e documentos administrativos. Cáccamo sinala a dificultade de rescatar a memoria feminina, menos documentada polos roles sociais de cada época, e destaca a importancia da documentación, a correspondencia e os álbumes familiares como pontes que unen xeracións.

Na presentación o autor conversou coa escritora Rexina Vega, sobre contidos e técnicas narrativas, acompañando a charla con proxeccións das fotografías que ilustran o libro. Cáccamo describe a súa obra como “un libro de memoria colectiva máis que de biografía, un exercicio literario onde a historia se filtra polas vivencias familiares”.

Contenido patrocinado

stats