Brais González, Soutullo e Bal y Gal poñen música a Don Paco

O Consello da Cultura Galega promove para a véspera das Letras Galegas o que será o XIII concerto en honor ao homenaxeado o 17 de maio, este ano, Francisco Fernández del Riego

Publicado: 31 ene 2023 - 02:52 Actualizado: 31 ene 2023 - 11:57

Maximino Zumalave, da Real Filharmonía; Rosario Álvarez, da CCG; Marisé Corés, de Afundación e o compositor Brais González, onte, na presentación do Concerto das Letras.
Maximino Zumalave, da Real Filharmonía; Rosario Álvarez, da CCG; Marisé Corés, de Afundación e o compositor Brais González, onte, na presentación do Concerto das Letras.

O Consello da Cultura Galega (CCG) leva máis de dez anos (XIII) organizando o Concerto das Letras, na véspera do día grande da literatura galega, o 16 de maio. Nesta ocasión, o lugar elixido é o teatro García Barbón, de Afundación, en Vigo, na área de influencia do homenaxeado, Francisco Fernández del Riego, Don Paco, quen se movía acotío entre a Fundación Penzol, na Praza da Princesa e o seu domicilio, na Alameda. “Tiña que ser en Vigo e nun teatro desta categoría”, apunto Rosario Álvarez, presidenta do CCG.

A Orquestra Filharmónica de Galicia, baixo a batuta de Maximino Zumalave, será a agrupación encargada de ofrecer o recital. “Somos a orquestra de tódolos galegos, tamén dos vigueses”, apuntou o director. Estará acompañada polo coro Rías Baixas.

O repertorio consistirá en tres pezas coas que pretende abranguer o triángulo na vida de Fernández del Riego: Santiago, pola agrupación; Vigo-Ponteareas, con “Suite Vigo”, do compositor Reveriano Soutullo; Lugo-Lourenzá co “Concerto Grosso”, do lucense Jesús Bal y Gal. “É un estilo neoclásico, racional, unha homenaxe a Bach, con catro instrumentos de madeira como solistas; será a primeira vez que se interprete nesta cidade", indicou Zumalave.

A terceira obra será unha estrea, a “Sinfonietta”, unha composición encargada pola CCG ao vigués Brais González, de tres movementos: os dous primeiros, corais inspirados a partir de dous poemas de Salvador García Bolaño e Xaime Isla Couto, e o terceiro, sinfónico, baseado no tema popular “A miña burriña”, moi do gusto de Don Paco, que sempre amosou interese pola música popular.

“Créase unha obra nova tódolos anos, imos facendo peto sobre textos propios dos autores, pero neste caso non conta con produción poética que se prestase, mais foi unha persoa moi querida e homenaxeada en vida, polo que escollemos dous escritos adicados a el”, puntualizou Rosario Álvarez. “Este sería un concerto ao que iría Francisco Fernández del Riego”, apuntou o pianista Alejo Amoedo, que colaborou na selección.

Brais González: “A palabra é a protagonista absoluta”

Brais González (Vigo, 1987) escribiu “Sinfonietta”, unha peza de tres movementos que se estreará no Concerto das Letras. “No resultado final a mensaxe pasaba de ser algo tremendamente individual a algo moi da terra, é un canto final a don Paco e a Galicia, onde a palabra é a protagonista absoluta”. Así, González sinalou que a mensaxe é tan potente que se vencella coa cultura galega que destaca o conxunto tanto no coro como na orquestra. “É un xeito de trascender do fondo e permítenos dende a partitura extraer os conceptos importantes da cultura, sen individualidades,por iso o canto sempre é en bloque, o mesmo que os instrumentos, sen solistas”.

Brais González estudou na Universidade de Mozarteum en Salzburgo con Rolf Plagge e completou a súa formación nos conservatorios de Vigo e de Oviedo. Actou como solista e músico de cámara nunha vintena de países europeos.

Contenido patrocinado

stats