A Bienal de Pontevedra volve tras 15 anos e faino con presenza en Vigo

Antón Castro, ao fronte dun comisariado con Agar Ledo e Iñaki Martínez Antelo, expande a súa programación a catro localidades

Comisarios e artistas co presidente da Deputación, Luis López, na presentación da Bienal.
Comisarios e artistas co presidente da Deputación, Luis López, na presentación da Bienal.

A Bienal de Arte de Pontevedra regresa á cidade despois de 15 anos desaparecida, promovida dende a Deputación provincial. Faino con forza baixo o lema “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”. Implícase coa situación actual dominada por guerras como a de Palestina ou de Ucrania, e cunha programación que racha as fronteiras locais, incluíndo a Vigo, Ponteareas, Sanxenxo e O Grove, dentro de “Artes Vivas”.

Comisariada polo catedrático da UVigo, Antón Castro, conta coa colaboración con Agar Ledo e Iñaki Martínez Antelo, da anterior dirección do Marco.

Algo máis de tres meses, do 21 de xuño ao 30 de setembro, 60 artistas de 28 nacionalidades tomarán a cidade. Entre eles figuran nomes internacionais como Olafur Eliasson, Hans Haacke, Susan Philipsz, Emily Jacir ou Antoni Muntadas, xunto a nomes galegos como Almudena Fernández Fariña, a local Marta Pazos ou o vigués Lois Patiño. Converterán nos seus escenarios doce puntos urbanos cos edificios Castelao e Sarmiento do Museo de Pontevedra e o Pazo da Cultura como epicentro. Tamén haberá programación nas ruínas de Santo Domingo, no convento de Santa Clara, a Illa das Esculturas, a ponte de Santiago, a facultade de Belas Artes, o Café Moderno, nas fachadas do Pazo provincial e da Casa da Luz e nas Fundacións RAC e de Manuel Montes. A programación, que presentaron onte en Santo Domingo e que xa se pode consultar na web da Bienal, https://bienal.depo.gal, completarase cun ciclo de cinema, conferencias, obradoiros e un programa de artes vivas co que a Bienal chegará a outras catro localidades da provincia.

A inauguración oficial será o sábado, 21 de xuño coa apertura simultánea das sedes da Bienal. Un día antes, o francés Patrice Warrener presentará “Peregrinacolor”, unha “iluminación policromada contemplativa” da fachada da igrexa da Peregrina, acompañada da música da dj galega Akazie.

O discurso que fía a exposición das súas doce sedes pretende contrapoñer a escuridade da guerra e a luz da esperanza, empregando a arte para reflexionar sobre os conflitos bélicos do pasado e do presente e para ofrecer propostas que imaxinen futuros esperanzadores. Entre outras propostas estará as do islandés Olafur Eliasson, a artista sonora Susan Philipsz ou Hans Haacke, quen pendurará do Pazo provincial a súa mensaxe de inclusión aos migrantes “Somos (todos) o pobo”. A outra fachada, a da Casa da Luz, levará a palestina Emily Jacir a súa reflexión sobre o sufrimento das vítimas da ocupación. A Palestina dedícaselle un conxunto de obras situadas no Edificio Castelao, presentadas por Raida Adon, Miki Kratsman, Miki Leal, Isabel Rocamora e Rosalind Nashashibi. Outros conflitos actuais estarán presentes na Bienal, como a situación do pobo kurdo desde a mirada persoal de Zehra Dogan, o xihadismo no Sahel a través das fotografías do maliense Aboubacar Traoré ou o conflito en Ucrania tratado polo cubano Dagoberto Rodríguez, o galego Gabriel Tizón ou os ucranios Yarema Malashchuk e Roman Khimei, nunha peza de vídeo coproducida en colaboración coa 36ª Bienal de Artes Gráficas de Liubliana.

Contenido patrocinado

stats