Berta Dávila e a viguesa Ledicia Costas gañan os Premios Xerais

As tres obras triunfadoras serán galardoadas con 10.000 euros cada unha e poderán mercarse nas librarías en marzo de 2022

Publicado: 11 dic 2021 - 22:54 Actualizado: 12 dic 2021 - 11:28

As escritoras Berta Dávila e Ledicia Costas, cos Premios Xerais e a ponte de Rande ao fondo.
As escritoras Berta Dávila e Ledicia Costas, cos Premios Xerais e a ponte de Rande ao fondo.

A compostelá Berta Dávila foi a gran triunfadora dos Premios Xerais 2021, ao facerse co galardón en literatura xuvenil e en novela, mentres que a viguesa Ledicia Costas foi premiada en literatura infantil. Na gala, celebrada onte de forma telemática desde Vigo e emitida en ‘streaming’ deuse a coñecer que ‘Un elefante na sala de estar’, de Berta Dávila, venceu na XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

Na súa última deliberación, o xurado acordou por unanimidade outorgarlle este galardón a esta obra da que destacou a "sensibilidade" coa que trata o tema do suicidio a través dun "estilo limpo e coidado" que permite "unha lectura amable que engancha desde o primeiro momento". ‘Un elefante na sala de estar’ relata como un grupo de persoas que se ven afectadas por un suicidio tenta buscar o motivo á vez que se culpan e tratan de aceptalo. A autora constrúe, aínda que sen selo, unha novela coral a través de diferentes voces que participan na reconstrución da historia da protagonista.

Pero Berta Dávila tamén se fixo co Premio Xerais de Novela 2021, na súa XXXVIII edición, grazas a ‘Os seres queridos’, que aborda reflexións sobre a alienación e a brecha que a sociedade crea ao "negar á muller como persona desde o momento en que se converte en nai", explica a organización. Dávila, unha vez coñeceu o seu dobre recoñecemento, dixo sentirse "agradecida e afortunada" por estes dous premios: "Porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso".

Pola súa banda, Ledicia Costas alzouse co XXXVI Premio Merlín de Literatura Infantil con ‘O neno de lume’, que conta a historia de Morgan, un neno peculiar que apareceu nunha cesta cando era un bebé xunto a unha enigmática nota. No seu ombreiro sempre leva a ‘Luminaria’, unha pequena chama que só el pode ver e coa que pode falar.

‘O neno de lume’ está "salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia" e mestura a realidade e a fantasía "para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade". Costas, tras coñecer o fallo do xurado, lembra como fai sete anos a súa obra ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’ foi recoñecida precisamente con este mesmo galardón, momento no que a súa vida "cambiou dun día para outro, supoño que por iso este premio é tan especial para min, por todo o que me trouxo", engadiu. As obras distinguidas nos Premios Xerais 2021, dotados con 10.000 euros cada un, sairán ás librarías en marzo do 2022.

Contenido patrocinado

stats