O berro vigués pola Memoria soa en Europa
Bruxelas acolleu unha xornada contra a impunidade do franquismo
“Aquí non se rende ninguén”. Parafraseado ao comandante cubano Juan Almeida Bosque en Sierra Maestra e en homenaxe ao falecido Chato Galante, a avogada viguesa Irene Álvarez finalizou a súa intervención no Parlamento Europeo nas xornadas “Franquismo sen Franco: Legado autoritario, impunidade e esquecemento”. Membro de Coordinadora Estatal da Querela Arxentina (Ceaqua), Álvarez explicou os obstáculos que pon o Estado español para que se leven a trámite os seus expedientes. “Hai un modelo de impunidade que se desenvolveu e se mantén durante a democracia. Nestes 50 anos os delitos do franquismo seguen impunes e a Lei de Memoria Democrática non habilita contra eles”. Afirmou que neste campo o Tribunal Constitucional “mantense a marxe do dereito internacional”. Fíxoo nun foro habilitado polos grupos Socialistas e Demócratas, Renew Europe, Os Verdes-Alianza Libre Europa e A Esquerda Europea, co que conmemoraron o décimo aniversario do Grupo de Memoria, conformado polos eurodiputados de Compromis, Comunes, EH Bildu, ERC, Podemos, PNV, PSOE, Sumar e con Ana Miranda, do Bloque Nacionalista Galego. Cumpríuse unha década de loita contra a impunidade, que coincidiu co 50 aniversario da morte de Franco.
A Eurocámara encheuse con máis de 200 representantes de colectivos e de familias de represaliados procedentes de todo o Estado español, dos que máis de 20 chegaron de Galicia, convidados polo BNG, a metade deles vigueses. Escoitáronse testemuños das vítimas e tamén as accións levadas a termo para rematar coa impunidade. Entre eles déronse cita os achegados dos tres vigueses asasinados o último ano de franquismo: Flor Baena e Luis Vera, irmá e sobriño dos fusilados Xosé Humberto Baena e Xosé Luis Sánchez-Bravo; xunto con Manuel Reboiras, irmán de Moncho Reboiras, abatido polas costas nunha persecución policial.
Cunha intervención limitada a sete minutos, Flor Baena compartiu ante os asistentes das xornadas o acontecido co irmán, a quen detiveron e acusaron da morte dun policía armada en 1975. “Sen unha soa proba condenárono a morte”, afirmou ante un aforo emocionado. Co recoñecemento oficial de vítima de persecución política por parte do Goberno, quixo facer fincapé na necesidade de que o acontecido chegue ás novas xeracións. “Vou polos institutos explicando o que pasou, para que saiban o que foi e que non digan que con Franco se vivía mellor”.
Baena estivo acompañada por María del Pilar Alonso (“Maruxa”) e por Luis Viñas, do círculo máis íntimo da familia. “É importante que se lle lembre como asasinado e non como asasino”, apuntou Viñas.
En declaracións a Atlántico, Luis Vera Sánchez-Bravo recoñeceu que o do 50 aniversario dos últimos fusilamentos do franquismo, estaba a ser moi intenso. “Notamos máis sensibilidade que en anos anteriores, pero segue a ser insuficiente, xa que aínda hai quen os chama terroristas no hemiciclo”, apuntou en referencia as declaracións da voceira popular Ester Muñoz no Congreso nas que o seu grupo rexeitou participar na homenaxe da Cámara ás vítimas do franquismo. Para Vera, participar no acto organizado en Bruxelas, “non só foi unha oportunidade, senón unha emoción profunda”, e engadiu que “recordar non é mirar atrás, senón mirar de fronte ao futuro con verdade e xustiza”. Nun escrito ao Grupo de Memoria do Parlamento Europeo sinalou que o seu tío e os seus compañeiros “foron mozos antifranquistas que deron a súa vida pola liberdade, pola democracia e polos dereitos que hoxe desfrutamos”.
Pola súa banda, Reboiras reseñou as dificultades coas que se atoparon para recuperar o expediente e o sumario do caso do seu irmán. “Moncho é recoñecido, pero dun xeito superficial, porque, como pasa con tódolos delitos do franquismo, agóchanse os datos”. Acolléndose a primeira Lei de Memoria, foi considerado vítima en 2009. “Foi algo importante sobre todo para a miña familia, para miña nai que viña dunha contorna rural”. Coincidindo co 50 aniversario das últimas mortes do réxime, Reboiras participou na fundación da asociación Memoria, Verdade e Xustiza para reivindicar aos represaliados en xeral e a Baena, Sánchez-Bravo e Reboiras en particular.
Ao longo de cinco horas pasaron pola tribuna eurodiputados como Irene Montero, Estrella Galán, Diana Riba, Jaume Asens, Vicent Marzà ou Ana Miranda. A representante do BNG sinalou que “só o feito de que haxa milleiros de persoas en fosas comúns é un síntoma de desmemoria”.
Helena Carro, da Gentalha do Pichel, ou Paz Cardoso, da Cultural de Bouzas formaron parte do grupo de vigueses que se fixeron escoitar no Parlamento europeo nunhas xornadas onde se falou en galego, catalán e euskera con tradutores simultáneos. Falouse dos nenos roubados ou do pazo de Meirás e tamén se lle deu voz aos integrantes de colectivos como La Comuna, Hamaika Bide elkartea sobre o exilio vasco ou La Demandá. Mais foi Manuel Monge, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que retou aos eurodiputados a dar un paso máis, pasar de documentar a loita contra a impunidade a achegar solucións. Ana Miranda recolleu a luva para a vindeira edición.
Contenido patrocinado
También te puede interesar