Belén Rubio: "Tomei a decisión de presentarme porque vin que logrei cambiar varias cousas”

Universidade

“Seguiremos coas medidas para reducir a fenda de xénero”

Belén Rubio é a primeira candidata a reitora dende 1994.
Belén Rubio é a primeira candidata a reitora dende 1994. | Jorge Santomé

Aínda que a súa candidatura era ‘vox populi’ na Universidade dende hai un tempo, Belén Rubio asegura que non foi ata hai varias semanas que comezou a meditar a opción de presentarse ás eleccións á Reitoría da UVigo. É a segunda muller candidata da historia da institución despois de Margarita Estévez, que o intentou no 1994.

Cando comezou a plantexarse a candidatura?

Hai uns meses xa comecei a tomalo en serio. Sobre todo, cando vin que se ía achegando a data e todo o mundo me sinalaba.. Iso fixo que empezara a madurar a idea, que a xente consideraba que eu podía ser candidata e faleino na casa coa familia. Ao final tanto o apoio da miña familia como do equipo animoume a tomar adecisión.

Que lle fixo finalmente decidirse por presentarse?

A miña carreira académica non está rematada, pero cheguei ao nivel máximo: son catedrática, teño o máximo de sexenios e quinquenios… Estou preparada, teño a experiencia de moitos anos de xestión á universidade e estes 7 anos á fronte da vicerreitoría permitíronme ter unha visión máis completa da UVigo. Teño a sensación de que agora me toca a min darlle á universidade, devolverlle á comunidade universitaria todo o que me deu e poder continuar co proxecto que empezamos.

Que valoración fai destes 7 anos no equipo de goberno?

Moi positiva. Cando vas no tren non miras cara atrás nas estacións, pero nestes momentos unha si que recapitula e pensa nas cousas que fixo. Cousas que penso que foron ben feitas, por exemplo, a creación no ano 2019 dunha oficina de proxectos internacionais. Ese foi un impulso para os proxectos europeos de tal xeito que dende que entrei ao equipo de goberno multiplicamos por 5 a captación de fondos internacionais. Ademais eu desde o principio tiña a idea de facer que os contratos do persoal investigador foran moi abertos. Hoxe en día temos preto de 900 persoas contratadas por proxectos de investigación e o sistema que tiñamos era un pouco deslavazado. Quería montar unha estrutura, dentro do marco europeo de calidade que temos, máis aberta e transparente. Agora temos un novo servizo de recursos humanos de investigación que publica as convocatorias de investigación mensualmente. Iso abre moito máis a universidade ao mundo e é outro dos logros que creo que é bo para a universidade, xa que a nivel europeo nos visibilizan como unha universidade á que poden acceder. Tamén impulsamos bastante todos os temas de ciencia aberta, agora temos un Portal da Investigación que permite que calquera persoa acceda á ficha de calquera investigador da Universidade con toda a súa información. Tamén impulsamos as publicacións en aberto.

Que logros destacaría no ámbito da investigación e transferencia?

No ámbito de estruturas, ademais de manter os centros CIGUS que xa tiñamos, conseguimos que Ecobas e Cintecx entraran na rede CIGUS no segundo escalafón e creamos cinco novos institutos de investigación. E no ámbito da transferencia hai moitas cousas que fixemos. Dende que eu cheguei, duplicáronse o número de spin-offs, temos case 300 patentes e aumentou moitísimo o número de proxectos con moitas empresas da contorna.. Todo isto axudoume a tomar a decisión, porque vin que logrei cambiar varias cousas.

Que cree que se quedou no tinteiro deste equipo de goberno?

Sempre quedan cousas no tinteiro e aínda temos debilidades. Calquera proxecto de calidade que se precie ten que mellorar as cousas. Teremos que afrontar eses cambios. O primeiro é o cambio da lei, aínda estamos adaptándonos: as figuras do profesorado, os estatutos… Estamos nesa fase aínda. Outra cousa moi importante é a entrada das novas tecnoloxías, todo o que supón a intelixencia artificial e o xeito de traballar, que pode ser distinto. Coa chegada da pandemia impulsouse o campus remoto e iso ábrenos moito as portas. Hoxe en día so temos unha titulación online e a idea sería avanzar cara unha docencia máis flexible, máis áxil. E dentro desas novas tecnoloxías, hai que optimizar os procedementos da Universidade para axilizar o traballo. Iso quedounos no tinteiro: haberá que analizar todos os procedementos un a un e optimizalos.

“Seguiremos coas medidas para reducir a fenda de xénero”

Que retos deberá afrontar a UVigo nos 6 próximos anos?

Eu creo que somos unha boa universidade, pero a nosa reputación aínda todavía non é suficiente. A internacionalización é un dos obxectivos prioritarios, pero tamén temos que mellorar en cohesión interna, buscar sinerxias dentro do PDI, a dixitalización, seguir medrando en innovación, manter o noso nivel de excelencia… Pero todo isto contando co benestar das persoas: medidas de conciliación, teletraballo… Ademais, está a modificación da relación de postos de traballo do PTXAS (persoal administrativo), que non fomos quen de avanzar neste tempo e agora é unha urxencia.

Imaxinaba cando comezou que podería chegar a ser a primeira muller reitora da UVigo?

Para nada, e menos no 1991. Agora podo comezar a pensalo. Comecei como axudante de primeira etapa e pasei por todos os estamentos. Non pensaba na xestión e nin miraba para o reitorado.

Que opina de que en 35 anos só se presentase unha muller a reitora?

Creo que é un reflexo da falta de igualdade que aínda temos entre homes e mulleres. Nós impulsamos varias medidas de acción positiva para intentar reducir esa diferencia. Na UVigo temos un 27% de mulleres catedráticas frente a case un 75% de homes. As mulleres perden comba na investigación cando teñen fillos. Perdes sexenios e é difícil chegar á par dos varóns da mesma promoción. Impulsamos a medida estrela de que as mulleres no primeiro ano tras o parto reducen un 100% a docencia para centrarse plenamente en investigación e poder seguir nesa liña para acadar os sexenios. E teremos que avanzar con medidas que vaian nesa liña. Seguimos tendo que romper ese teito de cristal, esa fenda de xénero. Creo que isto pode animar a outras mulleres a presentarse a todo tipo de cargos directivos.

Contenido patrocinado

stats