Belén Rubio: “Queremos que Vigo teña máis títulos, como o resto de campus centrais”
Universidade
Para a candidata de H2040, a ETEA é “unha oportunidade de xuntar formación, investigación e transferencia”
A catedrática de Estratigrafía Belén Rubio (Lugo, 1964) lidera a candidatura de H2040 para a Reitoría da Universidade de Vigo baixo o lema “A universidade das persoas”.
O equipo de goberno ten certa continuidade co actual, con varios vicerreitores que repiten. O seu programa de goberno tamén é continuista?
Non exactamente. Algúns vicerreitores continúan, pero levan séndoo entre un e catro anos. Temos ganas de continuar con algúns aspectos que creo que se fixeron ben nestes últimos oito anos, pero tamén hai moitas cousas novas. A vantaxe que temos é que temos un coñecemento bastante profundo da universidade, en parte porque moitos de nós estivemos en case todos os estamentos da xestión universitaria: directores de departamentos, de centros... De feito, sumamos todos os anos que temos de experiencia en distintos cargos de xestión e chegamos a 127. Temos un liderado institucional relevante e o coñecemento que temos da estrutura permítenos darnos conta de que hai unha serie de retos nos que temos que mellorar de cara ao futuro.
Cales son eses retos?
Hai tres aspectos nos que queremos centrar o noso programa de goberno para os próximos seis anos. Por unha banda, queremos diminuír a burocracia tan intensa que temos, sobre todo nuns tempos nos que contamos con avances tecnolóxicos como a IA que nos permite axilizar e automatizar todos os procesos. Para iso crearemos unha nova vicerreitoría de Transformación Dixital. Outro dos retos é a comunicación. Comunicamos moito cara ao exterior e facemos moitas actividades de divulgación, pero nos falta mellorar na comunicación interna: cos centros, departamentos e grupos de investigación. Temos que segmentar a información en función dos colectivos aos que vai dirixida. Recibimos un montón de correos cada día que non van dirixidos a nós. Un terceiro reto no que debemos profundar é unha maior relación coa contorna. Tanto con empresas como con administracións públicas ou coa cidade. Aí temos tamén unha nova vicerreitoría de Economía, Estratexia e Emprendemento. Isto permitirá acadar outras fontes de financiamento relacionadas coa consecución de máis cátedras, por exemplo.
A IA é un avance que está moi presente no seu programa. Como plantexa incorporala na Universidade?
Imos ter que cambiar a relación profesor-estudante. A IA xa chegou e hai que pivotar cara a unha docencia moito máis flexible para que calquera poida acceder á docencia universitaria.
Cales diría que son as principais eivas destes últimos 8 anos de goberno?
Fundamentalmente, fallamos na comunicación interna. Pero tamén é que temos retos novos porque cambiaron moito as cousas. O primeiro é o reto tecnolóxico. Por exemplo, no ano 2023 fixemos un código ético e non existía a IA. Agora hai que revisalo. Nestes últimos tres anos cambiaron as leis de Ciencia e Universidades. Esta última obríganos a cambiar os estatutos e moitas das nosas normativas. As cousas cambian rápido, pero as estruturas da universidade non van ao mesmo ritmo.
Un anhelo do goberno de Reigosa foi o avance no Campus do Mar da ETEA. Co recente desbloqueo, cales son os plans do seu equipo para estas infraestruturas?
Temos tres edificios na ETEA e negociamos un acordo para ter acceso a un cuarto. Temos docencia de calidade en Ciencias do Mar, un doutoramento e un centro de investigación (CIM), pero todo isto está un pouco disperso, por separado. A ETEA é unha oportunidade de xuntar formación, investigación e transferencia nun ecosistema que nos permita xerar un cambio real e ser recoñecidos a nivel nacional e internacional. Unha aposta de futuro con visión a longo prazo.
Coa apertura do mapa de titulacións no horizonte, como pensa ampliar a oferta académica da UVigo?
O mapa de titulacións negóciase e hai sempre algúns condicionantes, como non repetir titulacións entre universidades. Deberíamos ter tido xa unha primeira aproximación, pero o acordo de Medicina e as eleccións na USC e na UVigo o atrasaron. O que nós imos facer é negocialo cos centros e valorando que haxa un equilibrio entre campus. E no caso concreto do campus de Vigo, temos un número menor de titulacións frente a outros campus centrais, polo que temos que reivindicar que merecemos algo máis. Sobre os títulos, serán os que demanden os centros e facultades, porque temos que ser quen de montar as novas titulacións cos nosos recursos.
Fálase moito do descontento do persoal de administración (PTXAS). Como plantexa reconducir esta situación?
En principio, plantéxoo cunha nova xerencia. Anunciaremos ao noso nomeamento para Xerente o luns 27 e é unha persoa con moita experiencia en modificacións de Relacións de Postos de Traballo (RPT) en grandes institucións. Ten coñecemento de temas de investigación e transferencia e creo que é a persoa ideal para resolver este tema. En calquera caso, o que si teño claro é que nós non imos impoñer nunca unha RPT. Somos negociadores. Durante estes oito anos chegamos a máis de 40 acordos co PTXAS. Algunhas cousas quedáronnos no tinteiro, pero tamén é certo que asinamos un acordo recentemente para facer o nivel básico da carreira horizontal. Está pechado e comprométome a poñelo en marcha nos primeiros meses do mandato. Tamén estamos dispostos a desenvolver toda a carreira horizontal cos distintos chanzos e negociar a flexibilidade horaria e o teletraballo.
En 2029 haberá que tomar unha decisión sobre Medicina. Cal é a súa postura?
Vou ser un pouco galega: depende. Pasarán tres anos e hai varios factores que van influír: a demografía, porque quizais en 2029 xa non son necesarias máis facultades de Medicina; e que vamos estar máis preparados cun colectivo de profesorado acreditado. Creo que nese momento teremos que valorar as opcións e non exclúo a posibilidade de facer un grao compartido. Hoxe en día temos varios de este tipo: Relacións Internacionais, Intelixencia Artificial... E están funcionando moi ben. Igual podemos ir a un modelo deses. Non quero dicilo tan rotundamente porque haberá que analizar a situación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar