Begoña Caamaño volta as ondas do mar de Vigo

A RAG estrea documental que recrea a vida da premiada nas Letras Galegas, coas praias do Tombo do Gato e Barra de protagonistas

A infancia no Tombo do Gato de Begoña Caamaño
A infancia no Tombo do Gato de Begoña Caamaño

A Real Academia Galega estreou onte “Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul”, documental que produce co gallo das Letras Galegas 2026, realizado por Miramemira con Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez na dirección e o guión.. A película propón un percorrido pola vida e o legado da autora á que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio a través dos testemuños de persoas que a acompañaron nas súas diversas facianas persoais e profesionais.

O documental conecta as dúas cidades en que Begoña Caamaño (1964-2014) viviu reconstruíndo a traxectoria desde a infancia e a mocidade ata á consolidación como xornalista e escritora. Desde o Vigo natal, onde medrou nos barrios do Calvario e Coia e se converteu en xornalista, ata Santiago de Compostela, onde continuou a súa carreira e vida a partir de 1989, cando se incorporou á redacción central da Radio Galega. Nesta cidade escribiría as súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012).

A literatura de Begoña Caamaño, atravesada pola reinterpretación feminista dos mitos clásicos, dialoga coa memoria íntima e colectiva no retrato coral que van ganduxando, entre outras voces, a súa irmá Beatriz Caamaño, as súas amigas e compañeiras Maika Aguado, Amanda Álvarez e a académica Ana Romaní; o académico Víctor F. Freixanes, editor das súas dúas novelas; a crítica literaria María Xesús Nogueira, unha das primeiras estudosas da súa obra; e a especialista en Historia Antiga Susana Reboreda.

A película documental dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo. O IES Castelao e o IES Alexandre Bóveda de Vigo –onde ela estudou– , e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC participan así como escenarios de reflexión; mentres que o CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela acolle o obradoiro escolar de radio co que arrinca o filme, unha experiencia lúdica e educativa impartida por Amelia García Hervella, Concha de la Fuente e X. L. Freire Rodríguez, compañeiras e compañeiro da homenaxeada na Radio Galega.

Na procura do diálogo entre linguaxes artísticas, as personaxes de Begoña Caamaño toman ademais corpo e presenza na pantalla en cápsulas dramatizadas rodadas na praia de Barra, a fraga de Catasós e a serra do Candán (Lalín). Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, da ESAD Galicia, interpretan fragmentos de Circe ou o pracer do azul e levan á escena a Sherezade, a narradora das Mil e unha noites, arredor da cal a escritora pretendía pechar a súa triloxía sobre os mitos. E a bailarina Elsa Pereira é quen se converte en Morgana, acompañada pola narración na voz da propia Begoña Caamaño nun dos documentos sonoros do arquivo da CSAG que se integran no filme.

Cóntase ademais coas nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, da escola de teatro Imaxinatea Labcreativo de Vigo, nos papeis de Begoña Caamaño e a súa amiga Maika Aguado na infancia. A praia do Tombo do Gato é nesta pasaxe o espazo de maxia e liberdade que rememora a voz en off de Maika Aguado nunha conmovedora lembranza que identifica na nena que foi Begoña Caamaño o agromar da creadora na que se convertería.

O Colexio de Xornalistas lanza un podcast

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza, coa subvención da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, un podcast e un encontro xornalístico sobre o traxectoria profesional de Begoña Caamaño. O podcast “Poñer a voz” é un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a vida da autora viguesa, desde a súa infancia e xuventude en Vigo ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos. A radio como medio fundamental, pero tamén os artigos que escribiu na prensa e revistas especializadas. Poñer a voz pode escoitarse nas plataformas Ivoox, Spotify e Apple Podcast. Ademais da voz conservada pola radio da propia Begoña Caamaño, e da dirección e condución de Lucía Junquera, o podcast vai contar coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.

Contenido patrocinado

stats