Begoña Caamaño, presente

A autora homenaxeada pola súa traxectoria literaria no Día das Letras Galegas destacou tamén polo seu compromiso feminista e social, que foi destacado no acto en Porta do Sol

Begoña Caamaño, presente

O Concello de Vigo rendeu homenaxe onte á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño no acto institucional do Día das Letras Galegas 2026, celebrado en Porta do Sol e que reuniu arredor dun cento de veciños. A autora, homenaxeada este ano pola súa traxectoria literaria e polo seu compromiso feminista e social, centrou unha celebración marcada pola música tradicional, a emoción e a reivindicación da lingua galega.

O acto arrancou coa intervención da concelleira Olga Alonso, que destacou a figura de Caamaño como “atenta lectora da realidade social” e defensora dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade. A continuación, o director da ETRAD e presidente da Fundación SonDeSeu, Anxo Pintos, foi o encargado de ler o tradicional bando das Letras Galegas, un texto cargado de referencias á traxectoria vital e profesional da autora viguesa.

Durante a súa intervención, Pintos repasou a infancia de Caamaño entre o Calvario e Coia, a súa etapa como xornalista e o seu activismo feminista, ademais de reivindicar a súa achega á literatura galega con obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. “Begoña Caamaño non escribía para decorar o mundo, escribía para movelo”, destacou durante a lectura.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, comezou recordando a unha Rosalía percorrendo o Vigo de 1863 co manuscrito de Cantares Gallegos e pechou o acto salientando o legado cultural e social da escritora e anunciou que a cidade inmortalizará a súa memoria dando o seu nome a unha praza no barrio do Calvario.

Tras os discursos, varios profesores da ETRAD interpretaron pezas de música tradicional galega, entre elas a popular A saia da Carolina, poñendo o broche festivo á celebración. Ao remate da homenaxe, o Concello repartiu bolsas de tea tipo totebag entre os asistentes.

Unha lectura pública de seus textos para lembrar a súa voz

O acto celebrado este sábado na Porta do Sol con motivo do Día das Letras Galegas incluíu unha lectura pública de diferentes fragmentos da obra de Begoña Caamaño, entremedias das actuacións musicais dos profesores da ETRAD. A proposta de homenaxe colectiva á autora viguesa, protagonista das Letras Galegas 2026, congregou ao redor dun cento de persoas que seguiron o acto desde a céntrica praza viguesa.

Na lectura participaron as concelleiras Carmela Silva, Olga Alonso e Elena Espinosa, ademais de tres veciñas da cidade escollidas entre o público asistente poucos minutos antes do inicio da actividade. O formato buscou abrir a homenaxe á participación cidadá e converter a lectura nun acto compartido arredor da palabra e da memoria de Caamaño.

Ao longo da mañá déronse voz a textos centrados no feminismo, a liberdade, a memoria e o poder transformador da escritura. Entre os fragmentos lidos destacaron reflexións da propia autora sobre o significado de escribir e a importancia de nomear o mundo, así como pasaxes da súa novela “Morgana en Esmelle” e doutros textos vinculados ao seu pensamento social e literario.

Contenido patrocinado

stats