Avelino Muleiro: “A filosofía é necesaria hoxe en día porque é crítica e fai que a xente pense por si mesma”

"Quéixome constantemente dos programas educativos, sobre todo, na Secundaria", din o director das Xornadas de Filosofía en Vigo

Avelino Muleiro: “A filosofía é necesaria hoxe en día porque é crítica e fai que a xente pense por si mesma”

As Xornadas de Filosofía de Vigo comezaron onte no auditorio da delegación da Xunta, organizada por Aletheia, e o seu director, Avelino Muleiro, pasou por Atlántico TV para falar desta nova entrega.

Volven as xornadas nunha edición moi especial.

Eu non sei por que os números terminados en cero sempre son simbólicos. Eu creo que iso é pitagorismo, puro pitagorismo. Pero si, son 30 xornadas, unha especie de pouso dentro dun percorrido que empezou en 1985, pero entre o covid e problemas de financiamento anteriores, non se corresponden os anos co número de xornadas. Con todo son moitas edicións e estas últimas avaladas polos orzamentos de distintas institucións. Para min, como organizador é un orgullo, por aquí pasaron máis de 300 intelectuais de España e do estranxeiro, con máis de 400 relatorios e tres edicións de libros relacionados. Consideramos que para Vigo é unha forma de mobilizar non fisicamente, senón intelectualmente.

As charlas das xornadas sempre estiveron moi vencellados á preocupación social do momento. Este ano falarase de xeopolítica, alzhéimer e Intelixencia Artificial. Como foi a selección de temas?

Sempre procuro mirarme no espello dos filósofos. Kant dicía que hai tres formas de estar o ser humano no mundo: preguntándose que podo saber?, que debo facer?, e que podo esperar? A primeira equivalería á ciencia. Nós, non tratamos só de filosofía, sería unha idea aséptica sacada da realidade. A ciencia nestas xornadas vaise centrar no alzhéimer, un mal que afecta a toda a sociedade. E a segunda é o tema xeopolítico. Estamos nun momento de crise política, económica, con conflitos na Ucraína e no Oriente Medio. Sufrimos un proceso de cambio que ata afecta aos mapas. E o terceiro é a IA, a Intelixencia Artificial. Moitos téñenlle medo, outros aprovéitanse, pero xa é unha realidade que afecta a toda a humanidade, máis alá das sociedades. Está a mudalo todo, pode influír incluso na historia. Teño unha idea que é moi persoal, considero que a Intelixencia Artificial é a encarnación do superhome de Nietzsche. En “Así falaba Zaratustra”, Nietzsche di que o home está a punto de desaparecer, terá que desaparecer para que xurda o superhome. Estamos nesa situación onde a Intelixencia Artificial parece que se pode volver contra a humanidade.

Iso supón darlle un carácter moi humanista á IA, non?

Evidentemente, porque de onde sae a IA? Non é unha implantación extraterrestre, é unha ferramenta que produce o ser humano. Ten a intelixencia natural e con ela pode sacar as neuronas do cerebro e poñelas en artefactos, como pode ser un robot. Está en chips, en elementos físicos.

É o de xogar a ser Deus.

Pois si. O ser humano crea o seu Deus, crea o Deus. Nas últimas semanas, houbo un conflito entre a Intelixencia Artificial consigo mesma. A IA pode crear un programa para derrotar a outra Intelixencia Artificial. Son como os seres humanos. Cada empresa ten a súa propia Intelixencia Artificial e enfróntanse entre si. Agora estase a debater se a IA pode chegar a autoconciencia. Agora non ten emocións. A psicoloxía tradicional e a actual din que a autoconciencia só é propia do ser humano: Saber que un sabe, iso é autoconciencia. É conciencia da propia conciencia. Pode chegar a Intelixencia Artificial ser consciente do que fai? Pode chegar a crear valores e incluso normas ou unha ética para comportarse entre si mesma? Esas son as grandes preguntas.

Con estes retos para evidente que a filosofía é precisa na sociedade e no sistema educativo.

Evidentemente. Quéixome constantemente dos programas educativos, sobre todo, na Secundaria. Pois os programas de filosofía, historia, latín, grego, o que se chama tradicionalmente humanidades, está desaparecendo. Adícanlle poucas horas. Durante moito tempo a xente pensaba que a filosofía era unha cousa do pasado, que se reducía á metafísica, a temas elevados, que non estaban ao pé de terra. Hai anos recoñeceu que non pode ir soa, ten que ir ca realidade, da man da ciencia, da física e da química. Na epistemoloxía, rama da filosofía que estuda a ciencia, pon as normas dos criterios que debe. A filosofía non fai ciencia, pero a vai dirixindo, indicando o que non debe facer. É necesaria hoxe en día, porque a filosofía é crítica. Non só controla á ciencia, marcando unha raia vermella, senón que fai que a xente pense por si mesma. Non di “pensa isto, pensa o outro”. A fórmula da ilustración kantiana era “atrévete a pensar por ti mesmo”. Esa é a mensaxe que manda a filosofía actual, simplemente ten unha regla de xogo, ca lóxica, ca epistemoloxía, ca ética, para orientar á sociedade. Pretende formar unha sociedade crítica, que non trague todo o que lle vén de fora, das redes sociais ou dos medios de comunicación. Promove a que sexamos consciente por nós mesmos.

Contenido patrocinado

stats