O autor vigués Santiago Lopo, premio Jules Verne de Literatura Xuvenil
O xurado da XVIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil destacou a calidade da obra presentada
O xurado dos premios Xerais 2026 fallou onte para galardoar ás obras “A boca do río”, “A banda da Albóndega” e “A lingua dos grifóns” como gañadoras do XLIII Premio Xerais de Novela, o XLI Premio Merlín de Literatura Infantil e o XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Os textos son obra de Alberto Lema, Ivana Gómez Abuín e do vigués Santiago Lopo, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.
Lopo (Vigo, 1974) é escritor, profesor e tradutor. As súas novelas máis coñecidas son “Game Over”, “Peaxes”, “Hora zulú”, “A Diagonal dos Tolos”, “A arte de trobar” e “A carteira”. “A miña intención coa novela é poñer en valor a lingua como elemento esencial dunha cultura. Para iso creei un mundo máxico en perigo de extinción cuxos habitantes resisten grazas á forza da palabra”, conta o autor.
Ademais, Santiago Lopo indica que “as criaturas fantásticas da novela veñen directamente dos bestiarios medievais e algúns termos fundamentais na narración proceden de linguas xa desaparecidas”.
O xurado da XVIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil destacou a calidade da obra presentada, así como a creación dun universo orixinal e unha atmosfera inmersiva nun mundo distópico rico en detalles culturais, lingüísticos e históricos.
Viri e o seu irmán Lauro medran nun orfanato onde a lingua antiga só serve para despedir os mortos. Cando son expulsados do único fogar que coñecen, vense arrastrados a unha viaxe inesperada: un convite misterioso, unha profecía esquecida e unha misión imposible que os leva a desafiar a opresión dos vougos e a buscar respostas nas ruínas dunha natureza moribunda. Entre volcáns, desertos de sal e selvas cheas de perigos, Viri e Lauro descubrirán que a súa voz –e a capacidade de lembrar o que outros quixeron enterrar– é máis poderosa do que imaxinaban.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
radiografía demográfica
La longevidad, en máximos en Vigo y en la media de Galicia
radiografía demográfica
Vigo y provincia envejecen más rápido que el resto de Galicia