Aurora Marco, precursora: “Como Ernestina Otero, eu tamén fun formadora de formadoras”
O Consello da Muller entregou o seu premio da Igualdade á investigadora Aurora Marco por rescatar ás mulleres esquecidas da historia
O dicionario de mulleres da catedrática en Educación, Aurora Marco (Teruel, 1948) marcou un antes e un despois na historia con protagonistas femininas. Onte recibiu o Premio da Igualdade Ernestina Otero do Consello Municipal da Muller pola súa contribución a recuperación das voces femininas. “Tódolos premios significan un recoñecemento ao traballo, é un gran estímulo, pero o que acontece cos galardóns con nome de muller teñen un plus para min”, afirmou Marco en declaracións a Atlántico. Recoñeceu estar especialmente emocionada con esta distinción. “Como Ernestina Otero, eu tamén fun formadora de formadoras durante 44 anos. Son unha gran admiradora súa”.
Comezou a súa investigación sobre as mulleres esquecidas na historia en 1984 cun artigo sobre escritoras do século XIX. “Tiña novidades sobre Avelina Valladares, comecei por aí e continuei por esa vía, foi o papel que me tocou”. Naquela non había estudos previos, nen fíos polos que tirar. Aurora Marco foi a primeira en interesarse polas mulleres. “Botei man de todo tipo de fontes de información dende monográficos, a catálogos de exposicións, pero sobre todo, a hemeroteca foi fundamental, tamén as testemuñas orais. Agora está todo dixitalizado, pero antes había que pasar a man as páxinas”. A acollida que tivo o dicionario compensoulle: “Deume unha gran satisfacción, amais foi enriquecido con aportacións de historias locais que engadiron información a voces con poucos datos”.
Marco considera que a historiografía cambio moito nos últimos 20 ou 30 anos con respecto á visión de xénero. “Queda moito por facer no ámbito na Memoria Histórica, onde estou agora moi involucrada, e hai que volver a campos xa estudados para seguir tocando outros aspectos. Mulleres sempre hai”.
Sobre se esa invisibilidade tamén a sufriron en vida, a investigadora advirte que “elas loitaron contra vento e marea por facerse sentir e hai moitas que no seu momento tiveron unha grande proxección como María Vinyals, quen pasou do marquesado ao socialismo. Adiqueille moito tempo, atopei moito información, aínda que había que buscala entre anotacións espalladas, publicacións e referencias na prensa”, afirmou.
Aurora Marco: “Sufrín ninguneo e incomprensión”
Para Aurora Marco, detrás das mulleres silenciadas están os condicionantes de xénero. “O home sempre estaba no centro, é o androcentrismo, a historia está chea de misoxinia que espoliou a memoria das mulleres. Elas non podían ter formación, se non era educación de adorno, ou chamábanas con alcumes como ratos de biblioteca ou pedagogas con saias”.
No seu caso, considera que non padeceu limitacións para traballar e elixir as liñas de investigación. “Nunca tiven problemas neses puntos e non sentín discriminación directa, pero si sufrín ninguneo e incomprensión, dicían que era boa investigadora, pero feminista; a recepción das miñas obras foi diferente a que tería sido de ser home. Se o diccionario ao que adiquei oito anos tivera autoría masculina a saber onde estaría”. Afirma que con todo, a boa acollida que tivo o seu traballo compensou.
Contenido patrocinado
También te puede interesar