A Audiencia de Pontevedra acolle o xuizo contra un indixente por un incendio no que morreron dúas mulleres
A Fiscalía pide 5 anos de prisión e 90.000 euros de indemnización para os familiares das vítimas e de 263.160 euros para a Xunta
Un xurado popular xulgará a partir deste martes, día 8, na Audiencia de Pontevedra a Serafín P.P., un indixente de 55 anos, a quen a Fiscalía lle imputa a autoría dun incendio forestal rexistrado durante a vaga de lumes no verán de 2006, no que morreron dúas mulleres.
O Ministerio Público pide para este veciño de Cerdedo por un delito de incendio forestal, que afectou a unha gran superficie, e outros dous delitos de homicidio imprudente, a pena de cinco anos de prisión, máis unha indemnización de 90.000 euros para os familiares das vítimas e outra de 263.160 euros para a Xunta, correspondente ao importe dos medios empregados durante nove días para a extinción do lume que arrasou unhas 14.000 hectáreas.
No escrito de acusación o fiscal relata que ás 14.10 horas do 4 de agosto de 2006, o acusado 'prendeu lume ao monte cun chisqueiro, no lugar de Serrapio, no termo municipal de Cerdedo', en concreto detalla 'na marxe esquerda da estrada PO-7102'.
'Este lume estendeuse con rapidez debido ás condicións meteorolóxicas e ambientais favorables, con ventos de 44,28 quilómetros por hora especialmente secantes, unha humidade relativa do 40% e unha temperatura media de 28,6 graos', sinala a Fiscalía.
As lapas acabaron afectando a unha grande masa de bosques das localidades pontevedresas de Cerdedo, Cotobade, Campo Lameiro e Pontevedra.
Segundo recolle o escrito de acusación, 'o imputado prendeu lume á masa forestal sen reparar en que a súa conduta incendiaria podería causar algún dano material ou algunha desgracia persoal, e marchou do lugar sen dar aviso en ningún momento aos servizos de extinción de incendios'.
NOVE DÍAS DE EXTINCIÓN
O lume non se puido extinguir ata nove días despois, o 13 de agosto, e obrigou a cortar a circulación pola estrada N-541, que comunica Pontevedra e Ourense.
Pouco antes de que a Guardia Civil cortase o tráfico, sobre as 18.30 horas, unha muller de 75 anos e a súa filla de 50 viaxaban nun Renault Megane por esa estrada e, á altura de Dorna, en Cotobade, 'foron sorprendidas polo lume e polo fume nun tramo de vía morta', polo que saíron do coche 'e morreron sobre as 18.30 horas do 4 de agosto por asfixia e queimaduras por efecto directo do fume e das lapas'.
Serafín P. foi detido a finais daquel mes de agosto e permaneceu en prisión provisional algo máis dun ano. Nun primeiro momento confesou á Garda Civil que unha queima de restrebas se lle escapara das mans, pero posteriormente negou estes feitos. O procesado ten antecedentes penais por roubo con forza e violación, pero non son computables para esta causa.
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra reservou sala para os próximos días 8, 9 e 10 de maio con motivo da celebración deste xuízo con xurado popular.
Contenido patrocinado
También te puede interesar