Ateneos de Galicia coordinan actividades no ano de Castelao

Pedirán unha reunión co conselleiro de Cultura para acadar apoio para a federación que agrupa estes espazos de debate

Responsables dos seis ateneos de Galicia mantiveron onte unha reunión na sede do Ateneo Atlántico de Vigo.
Responsables dos seis ateneos de Galicia mantiveron onte unha reunión na sede do Ateneo Atlántico de Vigo. | Vicente Alonso

Hai un par de anos os ateneos galegos decidiron xuntar o seu traballo e crear unha federación, como instrumento para levar o debate e a análise por toda Galicia. Cada certo tempo teñen unha xuntanza de coordinación e onte tocoulle ao Ateneo Atlántico de Vigo, que preside Luisa Abad, ser anfitrión.

Esta federación está integrada polos ateneos de Santiago, Ferrol, Ourense, Marín, Moaña e Vigo, que onte fixaron dous obxectivos para as súas actividades conxuntas deste ano, por un lado a conmemoración do Ano Castelao neste 2025 e, por outra, o aniversario da chegada da democracia a España.

Así que onte falaron das actividades que poderían pór en marcha, tendo en conta ambas efemérides, e que tratarán de concretar na próxima xuntanza, que se desenvolverá en Santiago. No caso do Ano Castelao sí teñen claro que rematarán cunha xornada en Rianxo de todos os ateneos de Galicia, cun acto institucional e comida fraterna, explicou Luisa Abad.

No que toca á efeméride para conmemorar os 50 anos da chegada da democracia coa morte do dictador Franco, “fixemos un remuíño de ideas”, explicou Luisa Abad, de forma que concretarán os espazos para o debate e incluso conferencias de personaxes relevantes do periodo histórico. 

Luisa Abad sinalou que “hai un par de años creamos a Federación de Ateneos de Galicia y levamos un tempo traballando xuntos. Agora vemos a necesidade de avanzar un pouco máis”. Neste senso pedirán unha cita có conselleiro de Cultura para recabar o apoio a diferentes iniciativas que queren pór en marcha. Entre elas unha “newsletter” dos ateneos, que informe das actividades que realizan ao longo do ano, tamén queren ter unha páxina web conxunta e plantexar á Xunta o patrocinio dalgún dos premios que xa teñen tradición nos ateneos.

Tamén acordaron participar na manifestación de Queremos Galego 23F en Santiago e acudirán cun lema propio nunha pancarta: “Galego lingua de éxito”.

Ademáis analizaron a posibilidade de iniciar un ciclo de conferencias de recoñecemento das cidades, “para superar os localismos e que en Santiago se fale de Vigo ou en Marín de Ferrol”, precisou Luisa Abad.

Concluiron a reunión cunha visita á exposición do Marco sobre Castelao.

Ateneo Atlántico naceu hai oito anos como espazo cultural independente, plural e sen condicionantes. Polas súas actividades, sempre atentas á actualidade, teñen pasado centos de persoas. Agora buscan consolidar e atraer aos máis novos. Ten unhas 300 persoas socias.

Os seus fundadores son un grupo de persoas procedentes dun amplo abano profesional, social, cultural e ideolóxico, coa pretensión de crear un espazo de promoción, impulso e divulgación de temas relacionados con todas as áreas do coñecemento a través da análise, o debate e a investigación, desde un punto de vista plural, independente e que resulte de proveito para as persoas interesadas en calquera faceta do saber.

Acaba de editar un libro que recolle tódolos relatos do Premio Exeria, do que pronto sairán as bases da nova edición.

Contenido patrocinado

stats