A artista infantil viguesa no Legado Beiras Cal

8O debuxo de Belén Cabaleiro Viñas do arquivo do LABC, feito nos anos 60, é a imaxe para a súa felicitación do cuarto día de Advento

Publicado: 07 dic 2024 - 07:00 Actualizado: 07 dic 2024 - 14:28

O debuxo feito por Belén Cabaleiro Viñas con 5 anos, na década dos 60 era alumna do Escola Rosalía de Castro.
O debuxo feito por Belén Cabaleiro Viñas con 5 anos, na década dos 60 era alumna do Escola Rosalía de Castro.

O Legado Activo Beiras Cal (LABC) iniciou o 1 de decembro unha nova campaña en redes sociais de difusión dos seus fondos en tempo de Advento. Así, cada día publica un exemplo das Nadaliñas que conserva o arquivo, nas que reflicte as relacións sociais, de amizade e familiares do matrimonio. “Nos anos 40-70 do século XX, o galego tiña uso oral amplo, máis os usos formais estaban moi restrinxidos e nalgúns casos mesmos prohibidos. Mesmo así, un grupo de persoas no ámbito da literatura e o galeguismo aproveitaban a tradición para reivindicar o uso do galego dando exemplo coas felicitacións”, explica Carme Varela, en nome do Legado.

Este mércores correspondeu co cuarto día de advento, escollendo de imaxe unha escena feita aos cinco anos por Belén Cabaleiro Viñas cando era alumna da Escola Rosalía de Castro, centro fundado por Antía Cal en Vigo. “Se alguén a coñecede dicídelle que andamos publicando un debuxo seu. Esperamos que lle faga a mesma ilusión que nos produciu a nós atopala. Que cousa tan bonita!”, declaran dende o LABC. O único dato que dan para poder localizala é que naceu en 1961.

Baixo o lema “espallade o Nadal en galego”, no terceiro día de Advento elixiron un deseño de V. Cores cunha panxoliña recollida na parroquia ourensá de Velle: “E as ovelliñas pacendo, pol-a beira do regueiro, falan por haber nacido, o rei da Terra e do Ceo. E as aves todas, co seu trinar, celebran xuntas a Navidá”.

O quinto día de Advento, a imaxe corresponde a un gravado de 1621, autoría do alemán Wolfang Kilian. Foi a escollida para a súa tarxeta pola libraría anticuaria Monterrey, ubicada en Vigo, para felicitar o Nadal de 1961. Acompáñaa un texto de Álvaro Cunqueiro sobre as milagres de San Baradán.

Ata o 24 publicarase nas contas do Legado en Instagram e Facebook Nadaliñas nas que figuran nomes como Celso Emilio Ferreiro; Martínez Risco; Manuel María e Saleta, Manuel Beiras García, Francisco del Riego ou empresas como Galaxia, cerámicas do Castro ou Sargadelos.

Contenido patrocinado

stats