Ártika acollerá a 28 compañías na tempada do vindeiro outono
A sala de Beiramar aglutina espectáculos musicais, de danza e de teatro
A sala Ártika presentou onte nova tempada que contará con 28 compañías, 25 espectáculos diferentes e máis de 40 citas co público, articuladas arredor de cinco festivais e ciclos, cunha oferta que abrangue teatro, danza, circo, música, monicreques e actividades formativas. No seu cartel inclúe programación infantil como “La rata maceta”, tamén estreas da propia compañía como “Isto non é un acto político”, amais de concertos como o do pianista Santiago Mejide, proxeccións de Butacazero como o documental “1972”, habituais da sala como Mofa e Befa, pero tamén montaxes novas como “Agora guerrilla”, da Orquestra Galega de Liberación; “Oh Mammi Blue”, de Cinema Sticato ou “Mandarinas”, a cargo de Xabi Bértolo & Rubén Abad.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou no acto, onde puxo en valor o papel deste espazo coma “un referente das artes escénicas na cidade e en toda a provincia” e felicitou ao seu equipo polo traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos. Sánchez salientou que cada nova programación “é unha boa nova para o público, para as compañías e para a cultura local”, ao ofrecer un escenario de calidade para a exhibición artística.
Asemade recordou o compromiso da institución provincial coas artes escénicas a través de iniciativas como +Escénicas e doutras liñas de colaboración co sector, co obxectivo de seguir fortalecendo a oferta cultural e facilitar o acceso a ela.
Ártika é, xunto a Teatro Ensalle, a proposta escénica privada, na Avenida de Beiramar, que aglutina danza, música e teatro para tódalas idades. A programación xa está subida a súa web coas entradas dispoñibles.
Contenido patrocinado
También te puede interesar