A arte reconquista a praza de abastos
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Esther López e Alba Sánchez retomaron o Mercado das Artes, coincidindo co 17 de maio, onde distintas expresións creativas tomaron o sitio dos postos de peixe e berzas no Calvario
Coa cidade medio baleira polo día de festa, unha das maiores atractivos localizouse no Calvario, no Mercado da Arte. Alba Sánchez e Esther López, integrantes de Notodo Elpescado Estávendido, recuperaron unha fórmula exitosa de feira, que celebrou a súa sétima edición tras dous anos de parón. Ilustracións, pinturas, ourivería, olaría, moda, música ou literatura tomaron o lugar de berzas, peixes, froitas e carnes na praza de abastos do Calvario pechada por festivo.
Aínda que a chuvia impediu que se celebrase a programación no exterior, a ambientación mantívose no interior. Máis de sesenta expositores durante dez horas mostraron a creatividade chegada de toda Galicia. “Estamos moi satisfeitas, a resposta ten sido moi positiva tanto por parte dos expositores como da afluencia de público”, afirmaron dende a organización.
Entre as propostas de moda atopouse a dos irmáns Francisco e Patricia Soto, La Canalla, que repetiron experiencia. “O Mercado da Arte sempre é unha boa experiencia, xúntase xente do Calvario coa que se achega doutras partes de Vigo, é moi recomendable”. Amosaron os seus panos de man elaborados con algodón orgánico certificado e os deseños da súa última colección realizados con excedentes de produción.
Davida, autor da “Ruta das ArtistAs”, levou ao posto un exemplo do seus alzados de arquitectura industrial e tamén a súa última aposta: “É unha proposta téxtil sostible recuperando e reciclando roupa”.
As artes plásticas foron as máis numerosas. Diana Cordero, a pintora das paisaxes portuarias de Vigo, participou con obra en distinto formato, estreando a reprodución en chapas. “Estou moi satisfeita, sobre todo a primeira hora, vendimos bastante”.
Nun dos recunchos do fondo destacaban unhas curiosas esculturas de mediano formato realizadas en madeira. O seu autor, Víctor Lorenzo, co obradoiro na Ramallosa, puxo á venda pezas similares a figurilla dos Premios da Música Martín Codax, que el mesmo elabora. “Utilizo calquera madeira, que traballo con motoserra, o meu selo é deixar a mosca da máquina á vista”. O escultor estreouse no Mercado da Arte “por amor”. Compartiu posto coa ourive AreladeFe, quen presentou xoiería de autor.
A única praceira que participou no Mercado da Arte foi Ángeles, a carniceira, que xunto a Suso converteron o escaparate nunha galería con pezas efémeras de arte a base dos produtos do seu postos. “Levamos anos facéndoo, a idea xurdiu porque teño unha amiga en Valladolid que fai algo semellante, hoxe non se vende nada, só está para decorar”.
A sesión estivo amenizada por actuacións musicais e con sesións de dj convertendo por un día a praza da abastos nun encontro da cultura máis underground de cidade. Por alí deixáronse ver dende músicos como Óscar Avendaño ou integrantes de Eladio y los Seres Queridos, Coral Alonso ou a mesma cantante Linda Lamarr que con Indy Tumbita xestionaron o seu propio posto de deseños ou ilustradores como Fredy Fernández.
A OPINIÓN DOS PARTICIPANTES
“O MERCADO DA ARTE SEMPRE É UNHA BOA EXPERIENCIA, MOI RECOMENDABLE PARA TODO CREADOR”
"ESTAS ESCULTURAS SON MODELOS SIMILARES AOS PREMIOS DA MÚSICA, TAMÉN DESEÑOS FEITOS POR MIN"
“AMAIS DOS ALZADOS PRESENTO O NOVO PROXECTO DA MODA SOSTIBLE CON ROUPA RECICLADA”
“NESTA OCASIÓN ESTREO FORMATO, REPRODUCINDO AS MIÑAS PINTURAS EN PEQUENAS CHAPAS”
“HOXE NON SE VENDE NADA DE CARNE, TODO O QUE ESTÁ EXPOSTO É PARA DECORAR ESTE MERCADO”
“A RESPOSTA TEN SIDO MOI POSITIVA TANTO DOS EXPOSITORES COMO NA AFLUENCIA DE PÚBLICO; ESTAMOS SATISFEITAS”
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último