A arte enche o Mercado do Calvario

Milleiros de personas visitaron onte os 80 postos con propostas como ilustración, cerámica, libros, téxtil ou música

A arte enche o Mercado do Calvario

Un ano máis, como cada 17 de maio dende 2014, o Mercado do Calvario encheuse de arte nunha orixinal iniciativa onde os peixes e mariscos de peixerías como Pescadería Nieves, Pescadería Manoli ou Pescadería Chata foron substituídos por un día por ilustracións de Carlos Quiroga, divertidos ratos de feltro de Okillana ou cadros do artista mexicano Jack Andrian. Así ata máis de 80 postos de arte, artesanía e moda distribuídas polas dúas prantas do mercado, onde tamén se celebraron actuacións, obradoiros e contacontos.

Durante toda a xornada os visitantes ateigaron as instalacións. “Pola mañá é un público máis local, mentres que pola tarde é xente que se achega vén doutras zonas”, comentaba Francisco Soto Gil, da firma de roupa La Canalla.

Os artistas participantes saíron dunha convocatoria á que se presentaron más de 300 propostas. “Seleccionamos artistas consagrados e emerxentes. O que queremos é ter un abano representativo que poida chegar a todos os públicos”, comentaron Esther López e Alba Sánchez, ou o que é o mesmo, No todo el pescado está vendido, organizadora deste peculiar Mercado da Arte.

A satisfacción polo resultado era evidente. “O mellor é esta selección, con traballos de autor que non ves noutras feiras”, sinalaba Alejandro Mosquera, ilustrador chegado da Coruña. “Hay propostas moi interesantes”, engadía a ceramista Inés Elorrieta, de Hey Juddy! Moitos, artistas e asistentes, repetían nesta experiencia que xa se converteu nunha cita fixa no calendario vigués das Letras Galegas.

Contenido patrocinado

stats