A apoteose das cantareiras con Tanxugueiras

MÚSICA

Tanxugueiras puxo de moda un xeito de facer música coas que centos de mulleres preservaron o patrimonio oral

Publicado: 06 feb 2022 - 00:36 Actualizado: 06 feb 2022 - 11:40

O grupo Chorouvía, dirixido por Leni Pérez, ensaia a asociación de veciños de Santa Mariña de Cabral dende 1990.
O grupo Chorouvía, dirixido por Leni Pérez, ensaia a asociación de veciños de Santa Mariña de Cabral dende 1990.

Con Tanxugueiras cruzou fronteiras, pero o xeito de cantar tradicional leva décadas de recuperación e revalorización en Galicia. En Vigo, as pioneiras en interpretar as cantigas populares dos mariñeiros foron as Cantareiras do Berbés, hoxe integradas en parte no Orfeón do Casco Vello. Pero tamén nas parroquias xurdiron grupos, case un por cada centro cultural. Leni Pérez, natural de Bembrive, está ao frente de sete deles e un máis en Gondomar. “Hai máis de 30 anos que comecei a dar clases de pandeireta e canto en Cabral, naquela había máis rapazada, pero co tempo o perfil das integrantes foi mudando, agora a media de idade das miñas cantareiras supera os 50 anos”. Pensa que co pulo das Tanxugueiras, a mocidade voltarase a se interesar por esta arte. “O xeito polo que chegamos os da miña xeración foi coas actividades extraescolares, pero agora hai tanta oferta que os centros xa non contemplan as clases de gaita, pandeireta ou canto”.

Coñecedora do mundo da música tradicional como recompiladora e pandereteira, Leni ensina as melodías que foi recollendo polo rural galego dende os anos 80. Comezou en Chorouvía, en 1990, en Cabral, pero hoxe tamén guía ás cantareiras de A Volta do Demo, en Beade e da Bouzacoba, no Freixo, que escomezaron en 1996 e 1998 respectivamente.

No século XXI continuou esta liña ascendente con cinco grupos máis: Cantareiras do Alba, de Valadares (2002); Faragullas de Lavadores (2003); Trécolas, de Sárdoma (2004), Pandereteiras do Sobreiro, de Gondomar (2004) e Pandereteiras de Lavadores (2011).

Pese a que sempre se relacionan coa pandeireta, o abano de instrumentos é máis amplo. “Acompáñanse por percusión de man, pode ser un pandeiro, pero tamén cunchas, tixolas ou sachos, e nas Rías Baixas tamén cantaban xunto a gaita”.

Exprica que, aínda que hai algún home nos grupos, as protagonistas sempre son as mulleres “porque eran elas as encargadas de organizar e amenizar os seráns, en cada aldea había dous á semana, alí acudían os homes doutras zonas para mocear, elas nunca saían da aldea”.

Aínda que non hai unha mesma data para o abandono dos seráns e do canto tradicional como medio sociabilizar, Leni sitúa os anos 50 como unha década de transición. “Máis cara o interior, Ponte Caldelas ou Mondariz, aínda se poden atopar a mulleres que lembran acudir a seráns, en Vigo perdeuse hai tempo; nos anos 90 gravei a unha veciña do Freixo que fora pandereteira nos fins de semana”.

Así, un xeito de cantar que xurdíu ao abeiro dos traballos comunais e dos labrados no rural galego a piques estivo de representar a España no festival de Eurovisión, un empurrón máis dentro do labor de recuperación do patrimonio inmaterial galego que en Vigo tamén conta con siareiras.

Contenido patrocinado

stats