Anxo Lorenzo: “O teatro Fraga ocupará un lugar emblemático na cultura da Eurorrexión”

A Xunta de Galicia iniciou esta semana o proceso de licitación para as obras do teatro Fraga. Orzamentadas en perto de 20 millóns de euros suporá un importante investimento nun dos inmobles máis carismáticos da cidade que leva 25 anos pechado. Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, abriu as súas portas a Atlántico TV.

Anxo Lorenzo: “O teatro Fraga ocupará un lugar emblemático na cultura da Eurorrexión”

É unha responsabilidade recuperar o Fraga?

Si, claro. Este lugar era un dos centros da cultura de Vigo e por ende, de Galicia. Un lugar absolutamente referencial, moi céntrico ademais. Tiña todo, unha faceta cinematográfica e cultural, onde tamén había presentación de libros, debates, simposios de pequeno formato, o cine, por suposto a discoteca (Nova Olimpia funcionou no seu soto dende 1973 a 2007). A súa recuperación é, para nós, desde a Xunta, desde a Deputación, un proxecto interesantísimo.

As novas xeracións non coñeceron o Fraga aberto, pero para moitos vigueses é un lugar familiar. Ten aquí algunha lembranza especial?

Recordo moitas veces aquí no cine e tamén na discoteca, pero a finais dos 80, penso que no 89, viñemos aquel ciclo de audiovisual que se fixera, organizado pola Xunta de Galicia. Daquela presentáranse as tres primeiras producións audiovisuais galegas, “Continental”, de Villaverde; “Urxa”, de García Pinal e López Piñeiro e “Sempre Xonxa”, de Chano Piñeiro. A partir de aí xurdiu a idea de que Galicia podía ter un audiovisual propio. Recordo que foi aquí, no Fraga.

A Xunta e a Deputación mercaron o inmoble a Abanca e xa é patrimonio público. Cales son os plans para este centro trala enquisa popular sobre os seus usos?

Efectivamente, puxemos en marcha un proceso participativo e de escoita das entidades, asociacións ou colectivos. Houbo máis de 300 achegas e con todo isto elaboramos un plan de usos como un acordo entre as dúas institucións, Deputación e Xunta. Había moitísimas ideas, pero este non é un lugar que partise de cero, acabamos de comentar que un espazo inferior que era o da antiga discoteca Novo Olimpia ou o teatro. Non é un espazo baleiro no que había que deseñar contidos potencialmente novos e diferentes, polo tanto, o que fixemos con esas achegas foi buscar que tipo de proxectos se podían facer neles, que fose un espazo flexible, transversal, o máis dinamismo posible. Polo tanto, no caso do cine, será un espazo escénico para todo tipo de actividades musicais, escénicas e audiovisuais, cun escenario un pouquiño máis amplo. Por suposto, cun foso pequeno, cun aplanamento dos anfiteatros que permiten actividades diversas. Na antiga discoteca, buscamos un espazo o máis polivalente posible, pensando en programacións escénicas tamén, musicais e en programacións expositivas.

O pasado do cine estará presente nesa sala expositiva?

Por suposto. Vai ter o seu lugar historia do cine, do Fraga, e sobre todo, a historia do audiovisual feito desde Vigo por Isaac Fraga, un pioneiro en España e Hispanoamérica. Para esta sección temos cinco dos antigos proxectores na cabina de proxección. No novo proxecto de rehabilitación está contemplado ese espazo musealizado.

Falouse de que o Fraga podía acoller unha sala para exposicións temporais do Museo Provincial, ao xeito do que se falou para o CGAC no Berbés. Non prosperou a idea?

Non. Realmente nunca houbo unha proposta oficial, nunca se puxo sobre a mesa, no caso de que se fixera habería que velo. Sempre estivo moi claro que non se quería especializar excesivamente as salas. Temos dos grandes espazos para crear un centro de referencia en Vigo, en Galicia e do noroeste da península, polo que preferimos usos que afiancen esa polivalencia dos espazos.

Antes falaba dos cinco proxectores, pero na súa dotación tamén está o único órgano de teatro que hai en España, de 1948, amais de auténticas xoias decorativas. Vanse recolocar no seu lugar?

Absolutamente, todos. Eses bens, sobre todo aqueles que están protexidos, teñen que volver a súa localización, por suposto que si. No caso do órgano, aparte de que está restaurado e que haberá que volver a ter un pouco de cuidado con él, obviamente, ímolo colocar e imos usalo, ademais. Queremos que haxa unha programación regular, tamén de proxeccións ou directamente de utilización do órgano, precisamente para que a xente vexa que este é un órgano en pleno uso e moi singular.

A adquisición do imoble foi en 2024, logo César Portela fixo o proxecto e agora en que punto está?

Fóronse dando pasos pouco a pouco: adquisición no ano 24, no ano 25 encargouse o equipo de César Portela a redacción do proxecto básico e do proxecto de execución. A partir de aí entregamos ao equipo de Portela o plan de usos, é dicir, e as liñas estratéxicas e redactou ese proxecto básico entregado no mes de abril e o de execución, en setembro. Esta semana o consello da Xunta decide iniciar o procedemento de licitación das obras. Nos próximos días lanzarase unha serie de pregos técnicos e administrativos cun importe de licitación de máis de 19 millóns e medio de euros, é dicir, un importe alto e a partir de aí elixirase a mellor opción, seguirá o proceso de contratación e empezaran as obras. Isto aínda levará un tempo. Estímase que as obras estean en 22 meses, polo tanto, se todo vai ben no ano 29 inaugurarase a nova etapa do Fraga.

Este proceso requiriu a implicación de dúas administracións. Abriríase a porta a unha colaboración coa administración local?

Si, claro. Nunca nos pechamos a unha colaboración coa administración local. O que fixemos foi, dado que non había iniciativa por parte do goberno local, foi pola nosa conta e por suposto coa participación da Deputación Provincial. Que de aquí a alá, porque aínda faltan meses e moito que falar, se o Concello quere e manifesta o seu interese por colaborar na programación, pois obviamente é cuestión de que as dúas partes propietarias falemos e vexamos como se pode integrar o goberno local.

Como imaxina a reinauguración?

Imaxino moitas posibilidades, pero o Fraga vai ser un lugar emblemático da cultura da Eurorrexión, noroeste peninsular, a gran capital da Galicia-Norte de Portugal, entón creo que debera ser un proxecto que reúna esa vinculación. E na parte expositiva, hai unha parte bastante recente de historia de Vigo, que coincide co final deste equipamento e esta parte do século XXI que pode mostrar a ebulición de Vigo e a súa achega contemporánea á creatividade en Galicia e en España.

Contenido patrocinado

stats