Antón Reixa, o home que se gaba de ser poeta

Poesía

O artista multidisciplinar presentou onte “Enciclopedia perplexidade”, a súa primeira escolma poética feita por Xabier Cordal

Publicado: 22 jun 2024 - 08:15 Actualizado: 23 jun 2024 - 11:15

Antón Reixa (dereita) onte, no café De Catro a Catro, con Alberto Avendaño e Manuel Xestoso.
Antón Reixa (dereita) onte, no café De Catro a Catro, con Alberto Avendaño e Manuel Xestoso.

“A verdade é que nos últimos anos tiven máis difusión na música ou nos meus traballos do audiovisual que na poesía, gústame defender que tamén son poeta, estou moi orgulloso de selo e quero que se saiba”. Así, Antón Reixa explicou para Atlántico que lle levou a publicar agora unha escolma da súa obra en verso, “Enciclopedia perplexidade”, un poemario moi ambicioso de 150 páxinas, que recolle composicións dende 1976 a 2023, 47 anos de creación e 14 publicacións. Publicado por Kalandraka, vén de saír en galego e para outono presentarase a edición en castelá.

“Primeiro busquei a editorial e despois pensei na persoa idónea para facer a selección, Xabier Cordal, que foi quen escolleu os escritos; gustoume como a presentou, contra o xeito normal de abordar unha antoloxía, el apostou por unha ordenación máis orgánica, non cronolóxica; amais escribiu un limiar diferente para a publicación en galego e para a de castelán”. Concibida como se fora unha montaxe expositiva dirixida por un curador, o autor coincidiu co criterio de Cordal. “Non intervín para nada, considerei importante esa terceira mirada; sinto unha satisfacción un pouco narcisista, pois aínda que non sexa tan bo poeta, manteño o mesmo xeito de escribir cun estilo diáfano”.

Fronte a escolma da súa obra, Reixa recoñécese. “Ao mostrar o meu traballo literario ao longo dos anos desta maneira decateime que sempre escribín da mesma forma, dende a primeira composición, ‘Cemiterio de coches’ ata agora”. O propio autor sinala que a súa apreciación pode ser bo ou malo: “É positivo se se toma como un reforzamento do que chamamos estilo ou negativo se é debido a que non se ten capacidade de evoluir”. Finalmente queda coa primeira opción.

Onte presentou a nova publicación cun recital en De Catro a Catro. Compartiu o acto co seu editor, Xosé Ballesteros; co xornalista Manuel Xestoso e Alberto Avendaño, compañeiro do Grupo Rompente. “Ese estilo recoñecible na miña escrita ten moito que ver con Rompente e o que fixen antes do 83, o meu proceso iniciouse aí, por iso é moi emotivo que me acompañe Alberto”.

Da súa poesía destaca que sempre traballa dende a perplexidade ante o mundo que lle rodea. Tal e como afirma, reacciona “fronte a riqueza da lingua oral ou a materiais que en principio non son literarios, pero que os utilizo como tal; esa primeira composición que abre a escolma é unha boa metáfora da miña produción, un collage caótico, desordenado onde podes atopar de todo, calquera cousa que me sorprenda, e onde a ironía ten moita importancia”.

Contenido patrocinado

stats