Alonso Montero, un dos bos e xenerosos
Educación
O IES Álvaro Cunqueiro homenaxeou onte ao histórico catedrático e pensador, que foi profesor deste instituto entre 1980 e 1982, nun acto no que se lembrou o seu compromiso co ensino público e coa cultura galega
O paso de Xesús Alonso Montero polo IES Álvaro Cunqueiro foi breve –foi profesor entre 1980 e 1982–, pero a súa pegada foi moi fonda. Por iso o actual equipo directivo, encabezado por Malores Villanueva, decidiu dedicarlle onte unha merecida homenaxe que rematou coa descuberta dunha placa no salón de actos; o lugar da palabra, da que el era un mago, segundo contaron os que o coñecían.
A velada comezou con “Ningún coma ti”, poema doutra das profesoras ilustres do centro, Xela Arias, musicado polo docente Xaime Estévez e interpretado polo coro do instituto. O director da etapa na que Alonso Montero exerceu de profesor no Álvaro Cunqueiro, Emilio de Gregorio, lembrouno como un home que “se batía no día a día coa defensa da palabra e que nunca perdeu os estrideiros”.
Malia que apenas deu clase durante dous anos neste centro, deixou momentos para a historia, como a homenaxe a Mendiño que organizou na illa de San Simón á que levou ducias de estudantes e persoeiros das letras galegas para lembrar a un poeta anónimo do que só se conserva un poema “que é unha das grandes pezas das letras europeas da época medieval”, como sinalou o propio Alonso Montero, ao que varios dos participantes se referiron como “un dos bos e xenerosos” en referencia ao himno galego.
Visiblemente emocionado por momentos, o homenaxeado recoñeceu que “sempre me sentín profesor de instituto” e contou como no seu destino máis longo, o Instituto Masculino de Lugo no que exerceu 16 anos durante a ditadura franquista, intentou ser un docente “que manifestase dentro e fóra da aula a miña disconformidade co réxime vixente”. Isto valeulle un ‘desterro’ administrativo a mil quilómetros da súa terra, concretamente á vila cordobesa de Montilla, “onde tiven a desgracia de non poder coñecer a Julio Anguita”, bromeou.
“Eu quería ser bo profesor, pero iso é moi difícil de conseguir”, sinalou Alonso Montero na súa intervención. “Fun educado no fascismo e cando berraba emitía signos fascistas, algo do que me avergoño moito hoxe en día, polo que esforceime para ser un profesor cada vez menos fascista”, contou mentres lembraba como animou aos seus estudantes de Lugo a non esquecerse do galego durante o franquismo: “Dicíalles que esa lingua pola que lles rifaban cando a utilizaban era a que usaban os seus pais para namorar ás súas nais e a que usaban as súas nais cando lles cantaban de pequenos e que non era menos valiosa que calquera outra”.
Alumnos de diversos cursos do instituto participaron na homenaxe a través do coro e dunha sesión de regueifas dedicadas ao veterano escritor, que tamén escoitou as historias de excompañeiros e exalumnos. Ao rematar o acto, o alcalde Abel Caballero prometeu “que unha rúa, un edificio importante ou un lugar emblemático da cidade terá o nome de Xesús Alonso Montero”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último