Alertan da “desertización cultural” do libro galego
A Festa do Livro Portugués analizou a situación en Galicia do libro portugués, na procura de novos lectores de dúas linguas irmás
A segunda edición da Festa do Livro en Portugués (FLiPo26) comezou onte en Vigo reclamando un espazo de encontro cultural entre Galicia e o mundo lusófono. A inauguración tivo lugar na sé do Centro Centro Cultural Portugués Camões. Celia Mendes, directora da institución en Vigo, salientou que o proxecto naceu para fomentar a lectura en portugués sen necesidade de tradución, defendendo a “intercomprensión natural” entre galego e portugués como linguas románicas mutuamente intelixibles. Subliñou que o obxectivo da feira é permitir o acceso directo á literatura orixinal dos autores portugueses e abrir espazos de diálogo cultural. O programa incluíu coloquios, presentacións, sinaturas e unha feira con libros novos, usados e gratuítos.
Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou as pontes culturais entre Galicia e Portugal e animou á cidadanía a participar nun evento que busca achegar a literatura lusófona ao público galego e fortalecer os vínculos entre ambos territorios.
O cónsul xeral de Portugal en Vigo, João Bezerra da Silva, subliñou que a lingua portuguesa é un patrimonio común de varios países e que, malia os distintos acentos, constitúe un espazo lingüístico compartido. Defendeu a feira como unha oportunidade para reforzar os lazos culturais, económicos e afectivos entre Galicia e Portugal.
A primeira mesa redonda da FLiPo26 reuniu o escritor Carlos Quiroga, o libreiro Jesús Couceiro e o editor Manuel Bragado, nun debate sobre a situación do libro portugués en Galicia, que mudou nun debate, especialmente na intervención de Quiroga, sobre a situación da industria editorial galega.
Carlos Quiroga realizou unha intervención moi crítica co sistema editorial e cultural galego que xerou tensión entre participantes e conferenciantes. Desde a súa experiencia no reintegracionismo, afirmou que o sector está dominado por “xestores de empresas que venden libros máis ca editores reais” e denunciou unha “desertización cultural” do libro galego. Sostivo que historicamente existía maior presenza do portugués en Galicia, posteriormente eliminada, e criticou a orientación do ensino e do mercado como factores limitantes ao observarse dende o galeguismo o portugués como obstáculo e non como oportunidade. Para Quiroga, o galego sitúase nunha tensión entre o modelo castelanizado e o portugués, e cuestionou a viabilidade do actual proxecto cultural galeguista. Engadiu que a alta dependencia de novidades editoriais en Galicia contrasta con modelos europeos máis estables, que habituan a reeditar obras.
Jesús Couceiro ofreceu unha visión baseada na súa experiencia histórica como libreiro. Recordou as dificultades nos anos 70 para transportar libros entre Galicia e Portugal, mesmo con barreiras aduaneiras, e explicou como foi introducindo progresivamente o libro portugués no mercado galego. Defendeu que non existe problema de comprensión entre ambas linguas e relatou experiencias persoais de lectura en portugués dentro do ámbito familiar. Sinalou que a demanda de libro portugués medrou a partir dos anos 70 e que hoxe moitos lectores xa o adquiren directamente en Portugal, incluso máis barato. Tamén advertiu da caída da produción editorial en galego, pasando de máis de 2.000 exemplares a cifras moi inferiores.
Manuel Bragado, que puntualizou que non quería entrar en polémicas, matizou algúns datos de Quiroga e apuntou que Galicia e Portugal funcionan como “dúas comunidades culturais de costas”. Defendeu que o lector galego é plurilingüe e capaz de ler en portugués. Subliñou que o problema non é lingüístico senón político e estrutural, e criticou a redución das axudas públicas ao libro galego, que pasaron de 1,25 millóns de euros en 2008 a uns 250.000 na actualidade. Bragado sinalou tamén a escasa presenza da cultura galega en Portugal e defendeu avanzar cara a modelos de convivencia binormativa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último