Airiños de Castrelos sopra de novo

O último membro da histórica formación viguesa, Wenceslao ‘Polo’ Cabezas, vén de grabar o sexto álbum da banda recuperando temas inéditos coma “O pandeiro de Vigo”

No centro, ‘Polo’ Cabezas, co sexto disco no colo, con Suso e Álvaro Costas, seus netos.
No centro, ‘Polo’ Cabezas, co sexto disco no colo, con Suso e Álvaro Costas, seus netos. | J. V. Landín

A memoria da música tradicional galega volve cobrar vida grazas ao novo disco de Airiños do Parque de Castrelos, un proxecto que xorde da vontade de preservar un patrimonio sonoro que, durante anos, permaneceu en gran parte no silencio. A iniciativa, impulsada polos máis novos da familia e apoiada pola experiencia dos músicos veteranos, recupera pezas que nunca foran gravadas ou que se gardaban só na lembranza coma “O Pandeiro de Vigo”.

O protagonista deste proceso é Wenceslao “Polo” Cabezas del Toro, quen explica que o regreso ás gravacións chega pola ilusión das novas xeracións: “a culpa a teñen eles”, sinala sorrindo ao referirse a seus netos, Suso e Álvaro Costas. Polo reflexiona sobre o paso do tempo e a importancia de deixar constancia do seu traballo agora que cumpre os 83 anos. A súa voz convértese así nun testemuño vivo dunha tradición en risco de desaparecer.

No disco recóllense un total de catorce pezas, das cales a maioría non foran rexistradas previamente. Algúns destes temas proceden de antigas gravacións familiares e de ensaios gardados durante décadas, mentres que outros forman parte do repertorio transmitido de maneira oral entre músicos. Entre eles, destacan composicións que o propio Polo gardara durante case corenta anos e que agora ven a luz grazas ao impulso dos seus descendentes.

O proxecto non só recupera música esquecida, senón que tamén pon en valor unha forma de creación ligada á tradición e á improvisación. Segundo explica Polo, moitos destes temas naceron en contextos de ensaio ou mesmo no campo, onde os músicos desenvolvían melodías silbando de forma espontánea. Como resultado, o disco recolle unha ampla mostra de estilos e formas de interpretación propias da música tradicional galega.

Álvaro Costas subliña o valor cultural desta obra e o seu carácter único dentro da traxectoria do grupo. Segundo sinala, “é o grupo máis lonxevo e activo de Galicia” e destaca que “temos temas que non están rexistrados en ningún disco”.

Outro dos aspectos salientables é a aposta por manter a esencia sonora orixinal. O equipo decidiu empregar os mesmos instrumentos, afinacións e técnicas de gravación que se utilizaban antigamente, co obxectivo de ofrecer unha experiencia o máis fiel posible á tradición. Tal e como indica Álvaro, “o disco está feito minuciosamente para conservar esa autenticidade”, evitando modernizacións que alteren o carácter das pezas.

Ás innovacións tecnolóxicas tamén teñen cabida neste proxecto, coa incorporación dun sistema interactivo que permite visualizar a forma de interpretación dos instrumentos a través dun dispositivo móbil nun libro que se publicará próximamente e que acompañará ao disco, disponible en CD e vinilo.

Contenido patrocinado

stats