Adían o xuízo pola ocupación da estación marítima de Vigo

O xuízo previsto para hoxe na sala do penal 2 de Vigo contra tres sindicalistas pola ocupación da estación marítima da cidade olívica durante a folga do metal en 2009 foi adiado ao día 15 de maio.

Agencias

Publicado: 17 abr 2012 - 17:19 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:43

Tanto a Fiscalía como a defensa solicitaron o adiamento tendo en conta a cantidade de testemuñas citadas, unha ducia, e de probas achegadas, entre elas videográficas, e a hora fixada para o comezo da vista, as 12.00 horas.

Ao redor de dous centenares de persoas concentráronse nos exteriores dos xulgados de Vigo para mostraren o seu apoio aos procesados: Ramón Sarmiento, responsábel do Sector do Metal das CCOO; Antolín Alcántara, secretario de Negociación Colectiva da CIG, e a exresponsábel de Comunicación do sindicato nacionalista.

O fiscal pide para cada un deles catro anos de prisión por desorde público e polos danos producidos pola ocupación da estación marítima viguesa.

Alcántara ten ademais pendente outro xuízo por feitos similares, concretamente pola ocupación da delegación territorial da Xunta en Vigo en 2007, no que piden para el e outro procesado cinco anos de prisión.

Este declarou antes de que fose coñecido o adiamento da vista de hoxe que é un procedemento xudicial 'sumariamente político' coa intención de 'criminalizar a mobilización da clase traballadora'.

O sindicalista da CIG negou a comisión dos delitos que lle son imputados a el e aos outros procesados e que existan probas que o demostren, e recalcou que este procedemento legal non vai supor 'ningunha intermitencia' nas mobilizacións sindicais.

Incidiu en que ocupacións de edificios públicos no ámbito dunha folga ocorren 'todos os días en todas as cidades do Estado e de todos os países', e preguntouse 'onde iriamos parar?' se se instruíse unha causa para cada caso.

Alcántara admitiu a súa participación na ocupación da estación marítima de Vigo mais insistiu en que 'as mobilizacións e desordes' durante a folga do metal ocorreron 'en campo aberto, ao longo da cidade', e non neste edificio en concreto.

Ramón Sarmiento, pola súa parte, descartou a intención de chegar a un acordo co fiscal para rebaixar a pena, xa que a estratexia da defensa é conseguir o arquivo das dilixencias e a exculpación dos delitos que lles son imputados.

O sindicalista das CCOO denunciou que a súa imputación e a dos outros dous acusados se conseguiu na instrución con 'argumentos bastantes collidos polos pelos', así como a 'intención' de que a vista decorrese nuns momentos 'especialmente transcendentes' no económico.

'Non van ser capaces de desactivar a capacidade de mobilización dos sindicatos porque hai garantías de substitución para quen nos corresponde encabezar as mobilizacións', proclamou.

Contenido patrocinado

stats