“O actual nacionalismo debera buscar empates coa xeración nós; en común só teñen o nome”
RAMÓN VILLARES Presentou en Vigo “Fuga e retorno de Adrián Solovio”
Ramón Villares, un nome de referencia na historiografía galega actual, acudíu onte a Vigo para presentar na librería Cartabón a súa última publicación.
Editado por Galaxia co título “Fuga e retorno de Adrián Solovio, analiza o pensamento galeguista a través do protagonista de “Arredor de si”, novela publicada por Otero Pedrayo en 1930.
Por que escolleu a Adrián Solovio e a Otero Pedrayo para achegarse a esta época?
Non sei con exactitude. Derivou do meu interese por Pedrayo. Cando tiven que preparar un texto para o ingreso da Real Academia Galega, quería un tema que tivese algo máis que literatura. Isto xuntouse co meu interese polo momento e a época de entreguerras, e co feito de que sexa unha novela especial de formación, cun punto autobiográfico. O resultado é este ensaio sobre a obra, pero tamén sobre o autor, a época, os lugares...
Dende o primeiro texto, o ingreso da RAG, ata o libro actual pasaron trece anos. En que aportacións presenta?
Esta é unha obra que se fixo lentamente. Ten moitas lecturas, non só de Otero Pedrayo que foi como moitos novelistas da época, senon tamén de como era París ou Madrid coa súa vida no Ateneo ou o dinamismo da rúa, de como era o mundo no que se movía o personaxe. Era preciso enmarcar a novela, polo que foi un ensaio feito lentamente. Non é unha analise literaria, é cultural e intelectual.
Otero Pedrayo forma parte da Xeración Nós. Que significou este movemento para Galicia?
Significa varias cousas. Primeiro a dignificación da lingua e da cultura galega a través dos escritos, de romances ou de investigación. En segundo termo trataron a cultura galega como unha máis das europeas. Ademais tiveron un protagonismo político y foron importantes para as Irmandades da Fala, desenvolvendo actividades culturais e seminarios. Os seus máximos representantes foron Otero Pedrayo, Risco e Castelao. Foi unha xeración pequena, pero con moita influencia política, cultural, cunha grande formación da cultura europea dos séculos XVIII e XIX.
Defendían o nacionalismo galego. Que aspectos desta ideoloxía seguen vixentes no nacionalismo actual?
En común só teñen o nome, os contidos son moi distintos. Eles eran se non conservadores, a lo menos moderados e profundamente católicos. Non ten nada que ver co facer política de hoxe. As teses de entón non se reproduciron no novo nacionalismo que xurdíu nos anos 60. Na miña opinión, o actual debera buscar máis empates coa Xeración Nós.
Ademais de nacionalistas, considerábanse europeístas. Non contradice a imaxe de pechado que se divulgou deste movemento?
Máis que europeistas eran europeizadores. Crían necesario incorporar a Galicia ás perspectivas europeas. Admiraban o sistema democrático e os avances sociais. Pero o nacionalismo non foi, nen é máis pechado que outra forma de pensamento. O mundo está cheo de opcións. Hai quen di que coas viaxes se curan os nacionalismos, eu penso que é contrario, cando máis se coñece, máis se valora o propio. As Olimpiadas son un grande despliegue de ritos nacionalistas. Algúns dirán que representa o mundo enteiro, é certo, pero composto por diferentes cachos. A xente sempre pensa que os nacionalistas son os demais.
Contenido patrocinado
También te puede interesar