Actrices “de Vigo” con Concha de Oro

Janet Novás, de Porriño, e María Lado, de Vigo, forman parte do elenco de “O Corno”, gañadora en San Sebastián

Janet Novás e María Lado.
Janet Novás e María Lado.

A cineasta Jaione Camborda (Donostia, 1983), afincada en Compostela, fixo historia coa súa película “O Corno” ao gañar a Concha de Oro do Festival de Cine de San Sebastián cunha cinta galega, filmada en galego, cun elenco galego, dunha realidade galega e envolta nunha atmósfera moi galega. Aínda así, a súa proposta aborda temas universais dende unha perspectiva feminina e feminista.

Dúas actrices da área forman parte da producción: Janet Novás (Porriño, 1982), que interpreta á protagonista María, e a viguesa María Lado (Cee, 1979), integrantes dunha rede de mulleres espontánea e solidaria. Localízase nunha illa das Rías Baixas, nun tempo que se intúe no tardofranquismo e trasládase á raia húmida, onde o Miño marca unha fronteira espacial, mais tamén temporal e simbólica, entre o pasado e o presente. A maternidade e o aborto, os coidados e a persecución, a liberdade e a clandestinidade, pero tamén o apego á terra e ao saber popular son os ambitos que aborda cunha coidada fotografía. Todo baixo o título de o corno, o caruncho do centeno, fungo usado de cotío polas menciñeiras.

Janet Novás: “Construír a personaxe levoume ás mulleres da miña nenez de maneira intuitiva”

Bailarina e creadora galega. Vive en Barcelona, aínda que fachandea de ser de Porriño, entre Atios e Cans, puntualiza, “que logo se enfadan os veciños”. Formouse en danza contemporánea entre Madrid, Bruxelas e Berlín. Foi seleccionada para levar o peso de “O Corno”, dando vida á protagonista María, unha parteira independente, muller, cómplice de mulleres, coñecedora dos remedios naturais.

Janet Novás, no Festival de San Sebastián.
Janet Novás, no Festival de San Sebastián.

Como dende a danza se involucrou neste proxecto?

Jaione e eu xa nos coñecíamos. Tiñamos amigos en común. Díxome que ao escribir o guión pensou en min. Chamoume, fixen unhas probas e colléronme.

Ten algo en común coa súa personaxe?

Traballei moito coa directora para darlle vida a María, ten cousas de Janet. Para construír a personaxe pasei tempo coas mariscadoras, observando como se agachan e agariman á natureza. Levábame ao xeito de comportarse das mulleres da miña nenez en Atios, como se comportaba a miña nai e tamén xurdiu do meu corpo dunha maneira intuitiva, porque é de onde veño.

Hai un xeito unha visión moi de xénero en toda a película que xa comeza na primeira secuencia co modo de narrar un parto.

Está contado por unha muller e no proxecto case todas eramos mulleres, moitas nais. Esa óptica feminina foi unha aposta persoal de Jaione que se traballou moitísimo. Quería acercar o máis posible á realidade do implica parir. Tiñamos un meniño de cinco días, algo moi fráxil, que condicionou todo. Foi un día de rodaxe moi intenso.

A historia ven sendo un exemplo de sororidade incluso antes de que existise o termo.

María ten que fuxir porque as mulleres non teñen liberdade, non son donas do seu corpo. Ela está por riba de todo iso, só lle interesa coidar e acompañar ás mulleres. Acontece unha fatalidade pola inxustiza de que sobre o corpo das mulleres só teñan dereito os homes e a política.

Na película hai unha viaxe de fuxida, máis tamén liberación.

Unha vez rodada a película comecei a entender moitas cousas. Cando María marcha da súa casa, faino con medo. Pero no traxecto xurde algo, acompáñaa a natureza. Ela ten unha conexión moi forte co salvaxe, coa terra. De aí a importancia da paisaxe, algo que vai collendo profundidade. Tomeille un cariño enorme a María. É moi rotunda, pero moi maternal.

Esa indefinición temporal é intencionada?

A directora quería facer ese encontro entre o pasado e o presente, un momento que estea vencellado co de diante e co hai detrás.

María Lado: “As secundarias teñen un papel vital na trama e na filosofía da película”

Poeta e dramaturga, Premio María Casares ao mellor texto orixinal en 2019, María Lado ten feito algún papel, mais non se considera propiamente actriz como ela mesma explicou. “Cheguei a película un pouco de casualidade. Non fago vida de actriz, non acostumo a ir a probas, pásoo fatal, pero nesta ocasión tomeino como un reto, unha superación persoal”.

María Lado, no festival Cortocircuíto.
María Lado, no festival Cortocircuíto.

Comezou case sen querer acabou nunha Concha de Oro. Como viviu o momento?

Eu non estaba vendo a gala. Chamoume a miña nai para me dar a nova. Foi moi emocionante. Encantoume poder facer o papel de Teresa e cun equipo tan talentoso con moitas mulleres. Fixen moitas amizades. Non sei se volverei a un cásting, pero foi unha gran experiencia.

Teresa é un papel secundario, mais esencial no transcurso do guión.

Penso que tódalas actrices secundarias teñen un papel vital na historia. Formamos como un personaxe coral con pequenos papeis de luxo, importantes non só na trama, senón na filosofía da película, onde unha rede de mulleres facilitan a fuxida de María.

Cal é a seu vencello coa protagonista?

Teñen unha relación moi estreita. Hai varias visións da maternidade e tamén da non maternidade. No caso de Teresa, ela xa ten un neno algo maior polo que aporta outra situación.

Sería a mesma historia sen ese perspectiva feminina?

Non só é unha perspectiva feminina, tamén é unha visión moi feminista. Tanto os temas como o xeito de abordalos son feministas, xa dende a narración do parto ou a do aborto.

Despois desta experiencia, repetiría nun proxecto de cinema?

A rodaxe foi unha fantasía. Agora diría si porque estou moi emocionada, de subidón, pero non o sei.

Contenido patrocinado

stats