“A Academia” de María Xosé Queizán segue a romper marcos

“Recuperemos as mans” e “Evidencias” son textos que María Xosé Queizán escribiu nos oitenta e que agora o Consello da Cultura Galega (CCG) publicou nunha reedición conmemorativa. Onte presentáronse no Marco cun debate aberto sobre os temas que tratou e a vixencia da súa visión

María Xosé Queizán, arroupada polas participantes na sesión de onte, organizada pola Consello da Cultura Galega.
María Xosé Queizán, arroupada polas participantes na sesión de onte, organizada pola Consello da Cultura Galega. | Jorge Santomé

“Esta tarde congregámonos arredor dunha muller pioneira que moveu marcos e abriu novos horizontes. Novelista, poeta, dramaturga, tradutora e activista, son moitas as facetas nas que destacou Queizán, pero hoxe deitamos a mirada sobre dous ensaios que alumearon moitos outros e contribuíron a que o feminismo galego tivese un estilo propio”, afirmou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. A autora presidiu unha mesa con Inma López Silva como moderadora, que comezou a intervención: “Velaquí. Esta é a túa Academia”. Sentaron ao seu carón, discípulas como Carme Adán, Iolanda Veloso, Marga do Val, Helena González e María Xosé Porteiro. Esta última lembrou como na década dos 80 descubriu “a unha lideresa feminista que me serviu de guía e inspiración por ser pioneira no debate ideolóxico, mesmo antisistema, crítica e propositiva a un tempo desde unha independencia absoluta”. 

Porteiro recoñeceulle a súa admiración como novelista, dramaturga, editora, multifacética e “rompendo marcos”. Pola súa banda, Helena González afirmou que Queizán “como pensadora deu os argumentos para botar a andar unha revolución que une o público e o privado. Nestes ensaios demostra que o feminismo se pensa desde o corpo e con esta edición recuperamos a unha pensadora feminista inaugural. Os seus ensaios permitiron pensar as mulleres e a nación desde o feminismo independente. Os feminismos galegos actuais están en débeda cos seus ensaios afirmativos e audaces”.

No primeiro ensaio, Queizán critica o marxismo desde unha perspectiva feminista, empregando os seus propios argumentos denuncia a explotación e a opresión das mulleres na sociedade contemporánea. Mentres en “Evidencias” recopila artigos nos que establece un paralelismo entre a escravitude da muller e situación do idioma galego como dúas realidades oprimidas.

Contenido patrocinado

stats