"Sempre fun máis indio que vaqueiro, sempre fun un explorador"

Tonhito de Poi, músico

Publicado: 05 abr 2022 - 23:13 Actualizado: 07 abr 2022 - 11:11

Tonhito de Poi, no set de Atlántico TV.
Tonhito de Poi, no set de Atlántico TV.

Tonhito de Poi colleu popularidade nos 90 como o líder de Heredeiros da Crus. Dende alí as súas incursións artísticas teñen tocado distintos paus, dende a música á interpretación, á produción ou a presentación de programas. Desta visitou o set de Atlántico TV para falar do seu terceiro disco en solitario, “IN-DIOS”, que presentará en directo este venres no Café Uf.

Un título curioso para un disco.

Xorde da miña terceira viaxe ao Amazonas. Realmente é “indios”, sen til, como homenaxe aos indios, só que lle puxen un guión para significar dentro de dios. Ese guión está feito por un guionista salvaxe e abre sendas misteriosas.

Mestura os sons da Amazonía coa súa propia música. O resultado ten selo propio?

Fago o estilo “poi floyd”, porque son moi amante de Pick Floyd. Todo o mundo ten que facer algo novidoso na vida e a miña ilusión tentar deixar algo, crear un estilo novo na música, que ambicioso semella! Pero é así. Fun moi fan do Trap e Triqui. As miñas cancións teñen o son da selva e o que sei facer eu, un pouco de rock.

Vai máis alá dun vencello sonoro?

Totalmente, hai máis misterio no que vemos que no que non vemos. Tocar unha realidade tan profunda como a que vislumbras nesas comunidades, é difícil, porque a realidade non se pode experimentar, a realidade en si mesma é a que sustenta todas as experiencias.

Como lle cambiaron estas viaxes?

Como persoa non valo moito, espero que valer máis como artista; cando din que alguén que é boa xente, que mal músico ten que ser!; se din menudo cabrón, ten que ser un guitarrista estupendo. Para cambiar hai que ser algo e eu non sei o que son. Supoño que evoluciono ou involuciono, creo máis ben que involución, teño máis incomprensións de cousas que antes non tiña, máis preguntas que antes.

Como foi esa terceira viaxe?

Na primeira viaxe saíu o disco “O soro da verdade”; na segunda, “Non hai onde esconderse” e na terceira este traballo. Non estiven de comunidade en comunidade como nas primeiras, foi un retiro de oito días nunha cabana. Quedei cun chaman en Tambopata, que é unha reserva nacional, dietando unha planta, non me podía dar o sol porque me queimaba e deixárome no medio da selva. Das súas profundidades, axudado por esta planta mestra, saquei este disco. Xorden preguntas como que hai despois da morte, coa que se pode mobilizar imperios; non ten resposta porque está mal formulada, o que se quere cuestionar é quen es ti; entendes que non es só o corpo, entón que son? Un indio, estou na selva, son un indio. De aí o título “in-dios”, dentro de dios. A viaxe é a semente do disco.

Volverá á selva?

Sen dubida. Quero ir, pero non sei se seguirei traballando nesta liña, tamén hai moito misterio aquí. No disco inclúese un tema “A fame non ten lei”, inspirada nunha pintada que atopei nun muíño de Covelo, preguntando pola aldea contáronme que foi un home que na década dos 50 roubou dous sacos de millo por supervivencia da súa familia, con esa historia saíu unha canción. Ir a selva si, porque é unha aventura marabillosa, sempre fun máis indio que vaqueiro, un explorador, pero cos tres discos están ben.

Tonhito de Poi, músico e líder de Heredeiros da Crus: "Sempre fun máis indio ca vaqueiro"

Contenido patrocinado

stats