61.000 persoas benefícianse de tarifas gratuítas no transporte interurbano na área de Vigo

A tarxeta Xente Nova e a tarifa +65 permiten realizar ata 60 viaxes de balde ao mes

En 2024, os menores de 21 anos da área de Vigo realizaron máis de 840.000 viaxes gratuítas, un 8% máis que en 2023.
En 2024, os menores de 21 anos da área de Vigo realizaron máis de 840.000 viaxes gratuítas, un 8% máis que en 2023.

Máis de 61.000 persoas usuarias do transporte público da área de Vigo beneficiáronse en 2024 das tarifas gratuítas Xente Nova (TXN) e +65 impulsadas pola Xunta. En concreto, máis de 27.500 persoas maiores de 65 anos teñen acceso á tarifa gratuíta e máis de 34.000 persoas menores de 21 anos dispoñen da Tarxeta Xente Nova.

A través de ambas as dúas medidas facilítanselles aos colectivos beneficiarios ata 60 viaxes de balde ao mes no autobús interurbano e o transporte marítimo entre O Morrazo e Vigo, así como noutros medios de transporte público na comunidade, como o ferrocarril de proximidade na área de Ferrol. En conxunto, as persoas beneficiarias con domicilio nos municipios que forman a Área de Transporte Metropolitano (ATM) - Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño- e tamén no concello de Vigo, que non se integra nesa iniciativa de colaboración, realizaron en 2024 máis de 1,3 millóns de viaxes gratuítas, e as bonificacións da Xunta para compensar a súa aplicación superaron un millón de euros.

No que se refire á tarifa +65, aplícase a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia desde o 1 de xaneiro de 2024, polo que as tarxetas que contan coa dita tarifa nesta área superaron no seu primeiro ano de funcionamento as 27.500. Esta iniciativa facilita o desprazamento das persoas de máis de 65 anos a servizos esenciais como a sanidade pública, e tamén para xestións, compras e lecer.

Sobre a evolución da demanda, as persoas maiores de 65 anos da área de Vigo realizaron máis de 485.000 viaxes gratuítas en 2024 e a Xunta investiu no pagamento da bonificación destas viaxes máis de 385.000 euros.

Por concellos, malia que o concello de Vigo non está integrado na ATM, os maiores de 65 anos con domicilio nese municipio son os que realizaron máis viaxes gratuítas no transporte público de Galicia en 2024, 172.000, e os que recibiron a maior bonificación, 188.000 euros. Dos concellos que forman parte da ATM, os usuarios de Cangas e Moaña son os que realizaron máis viaxes gratuítas coa tarifa +65 en 2024, 106.000 e 65.000, respectivamente, así como por importe da bonificación, con 72.000 e 43.000 euros, respectivamente.

Por outra parte, en canto á Tarxeta Xente Nova, en 2024 as tarxetas totais na área de Vigo para os menores de 21 anos ascenderon a 34.100. Así, desde o inicio do ano os beneficiarios desta iniciativa pioneira da Xunta para o fomento do transporte público que permite viaxar de balde en toda Galicia incrementáronse un 12% na área de Vigo.

O ano pasado, os menores de 21 anos da área de Vigo realizaron máis de 840.000 viaxes gratuítas, un 8% máis que en 2023. Cómpre sinalar que en 2023 xa se rexistrara un máximo anual, con 780.000 viaxes gratuítas para os máis novos, incrementándose un 27% con respecto ao exercicio anterior. Estas viaxes gratuítas supuxeron unha bonificación de máis de 700.000 euros en 2024, un 24 % máis que en 2023.

Por concellos, os menores de 21 anos con domicilio en Vigo son os que realizaron máis viaxes gratuítas no transporte público de Galicia en 2024, 760.000, e os que recibiron a maior bonificación, 1,1 millóns de euros. Dos concellos que integran a ATM, Cangas e Moaña son os que representan un maior volume de viaxes bonificadas en 2024, 748.000 e 514.000, respectivamente, así como do importe da bonificación, con 739.000 e 484.000 euros, respectivamente.

O obxectivo desta medida, posta en marcha pola Xunta en 2016 e que non deixou de medrar desde entón, é contribuír á economía familiar e facilitarlle á mocidade o acceso a servizos básicos ao tempo que se fomenta o transporte público e unha mobilidade sustentable nesta franxa de idade.

Contenido patrocinado

stats