40 tortas para os 113 de Cunqueiro

Educación

O Equipo de Normalización Lingüística do IES Álvaro Cunqueiro involucrou a todo o alumnado nunha celebración que xa se convertiu en tradición no centro

Estudantes do IES Álvaro Cunqueiro posan con algunhas das tortas presentadas a concurso.
Estudantes do IES Álvaro Cunqueiro posan con algunhas das tortas presentadas a concurso. | Jorge Santomé

No IES Álvaro Cunqueiro xa hai instaurada unha nova tradición: dedicar o derradeiro día do primeiro trimestre a celebrar o aniversario do célebre escritor mindoniense que dá nome ao seu centro –naceu o 22 de decembro– con actividades de todo tipo como concursos en torno a algunha das súas obras, xogos tradicionais e incluso un concurso de repostería que denominaron ‘Masterchef Cunqueiro’.

“Organizamos estas actividades da man do Equipo de Normalización Lingüística do instituto para que todo o alumnado saiba quen foi Álvaro Cunqueiro”, indica a vicedirectora do centro, Malores Villanueva, que recoñece que non agardaba que todos os rapaces amosaran tanto entusiasmo por estes eventos, que se ampliaron este ano debido ao éxito do curso pasado para que toda a xornada lectiva xirase en torno ao escritor.

A primeira das actividades que tiveron lugar onte foi un concurso sobre o relato “Tristán García”, que os estudantes de Bacharelato foron lendo polas diferentes clases da ESO para, ao final, realizar un concurso de preguntas a través da aplicación ‘kahoot’ para premiar a quen prestase máis atención durante a lectura.

Como sinala Villanueva, a participación do alumnado máis ‘veterano’ foi chave na realización desta xornada dedicada a Cunqueiro, xa que “eles, guiados polos docentes do Equipo de Normalización Lingüística, fixeron de monitores en cada unha das actividades e de xurado no concurso de tortas”.

Este último converteuse nun dos eventos máis esperados polo alumnado deste instituto do barrio de Coia. A súa vicedirectora apunta que “durante o curso moitos estudantes preguntábanos se iamos facelo de novo este ano”, polo que ante a demanda popular, repetiuse e converteuse xa nunha tradición do centro.

Os alumnos de 3º e 4º da ESO foron os participantes neste ‘masterchef Cunqueiro’ mentres os de 1º e 2º realizaban xogos populares con temática da vida e obra do escritor. A pesar de limitar a participación, o xurado tivo que probar máis de 40 tortas que o estudantado elaborara na súa casa e presentara a concurso para determinar os gañadores das dúas categorías: mellor sabor e mellor presentación. “As tortas vencedoras foron coas que lle cantamos os parabéns a Cunqueiro e puxémoslles as velas co 113, que son os anos que cumpriría en 2024”, conclúe Malores Villanueva, que se amosa encantada de que todo o centro se involucre nunha xornada como esta.

Contenido patrocinado

stats