Estela Rodríguez: “O noso club de lectura é un espazo no que nos podemos expresar a través dos libros"
Estela Rodríguez leva catro anos no CEIP Otero Pedraio transformando la literatura en ocio
A viguesa Estela Rodríguez ten un proxecto, aumentar a familia lectora no seu centro educativo, o CEIP Otero Pedraio. Cuarto ano de actividades que son destacadas agora como xerme dos clubes de lectura na cidade, unha iniciativa “de moda” que chega para quedarse. Ademais, dos clubs de lectura adulta e os clubs de lectura compartida, inciden no ocio das familias e en actividades complementarias de escritura creativa, ilustración, dinámicas de grupo e comparacións coas obras audiovisuais.
-¿Como entrou no mundo da lectura?
-Desde ben pequena comecei a interesarme polas letras e aprendín a ler moi rápido. Lía moitos contos no colexio e tamén tiña algúns libros na miña casa. Sempre me chamaron moito a atención todos os mundos aos que podías viaxar só lendo e todas as historias que podías coñecer, sobre todo as que non pertencían ao mundo real. Niso a escola tivo un papel fundamental no descubrimento de moitos títulos, ademais dos que me regalaban na casa nalgunhas datas sinaladas. E nisto tivo moito que ver o día que comecei unha coñecida saga,
que foi realmente onde me metín máis de cheo no mundo da lectura. O primeiro libro absorbeume por completo nese mundo de fantasía e maxia do que aínda de hoxe non saín. Máis tarde, xa no instituto, na universidade e grazas á asociación Espazo Lectura, fun ampliando ese gusto pola lectura con títulos de todo tipo e diversas temáticas, que non fixeron máis ca nutrirme de diferentes puntos de vista e perspectivas, que me definiron un pouco como a lectora que son hoxe en día.
-¿O séu proxecto actual?
-O Club de lectura do noso cole, Club Burbulla, que se chama así pola mascota da nosa biblioteca, é un club de lectura aberto a todo tipo de lectoras e lectores do centro, para mellorar a súa expresión oral, fomento da lectura e da lingua galega. É un espazo no que nos podemos expresar a través dos libros e falar das diferentes ideas que aparecen, ademais de falar da trama e personaxes dos mesmos. Intentamos que sempre sexan clubs de lectura de diferentes temáticas e diferentes xéneros, como o teatro, a poesía ou a banda deseñada e non centrarnos só na narrativa. Durante estes anos, levamos a cabo varios clubs: club dunha clase enteira que le o mesmo libro; club mixto, con nenas e nenos de diferentes aulas que comparten unha lectura ou algunha saga; club de lectura adulta, onde participan profesorado e familias ou club de lectura compartida, onde participa toda a comunidade educativa, para fomentar a lectura do alumnado cas súas familias. Sempre intentamos tamén escoller títulos
de actualidade e de autoras galegas, coa posibilidade de facer encontros con elas.
-¿Cal é a sua motivación no traballo?
-A miña motivación principal é espertar esa curiosidade e ese gusto pola lectura na comunidade educativa, tanto no alumnado coma nas persoas adultas que acoden aos clubs. Ademais diso, é conseguir que todas estas persoas que participan se interesen cada vez máis por ler e compartir lecturas, así como que nos pidan recomendacións para coñecer diferentes títulos e temáticas para ampliar así os seus gustos literarios. Outra das motivacións dos clubs de lectura é afianzar e desenvolver o hábito lector, que nesta etapa escolar é tan importante e crear unhas mentes que aprendan a pensar e debater sobre distintos aspectos, creando así un pensamento crítico e unha análise máis profunda do que se le. Ademais da gran motivación que supón converter á nosa biblioteca nese gran punto de encontro para os clubs, ademais de ter outros espazos coma a zona de xogos, os retos de lego, a radio, recuncho para profes, os torneos de xadrez, entre outras actividades que realizamos que fan que sexa un espazo único e moi recurrido.
-¿Que valores fan que o teu traballo destaque?
-Un dos valores que destacaría sería a conexión social que se crea nos clubs de lectura, onde non só falamos de libros e das historias que aparecen neles, senón tamén de como se relaciona todo o lido coas nosas propias historias de vida; crear lazos de conexión e confianza, algo importante nesta época que cada vez se tende máis ao individualismo. Outro dos valores a destacar é que sexa un espazo diverso, de opinións, de gustos e de ideas que se expresan e que se escoitan para ampliar así a perspectiva e os puntos de vista persoais, polo tanto, os
debates nos clubs de lectura permítennos ver o mundo desde diferentes ángulos e enriquecermos das opinións e experiencias de outras persoas. Por último, cabe destacar tamén a importancia do desenvolvemento da habilidade comunicativa e os clubs de lectura son un excelente espazo para poder practicala e mellorala.
-¿Que supón este proxecto?
-Unha implicación por parte de toda a comunidade educativa do CEIP Otero Pedraio para mellorar o hábito lector e o gusto pola lectura do que falaba anteriormente, ademais de ter a posibilidade de coñecer autoras e autores novos e libros que non coñecen ou que aínda non leron. Supón indagar que lle pasa á nosa mente cando lemos un libro ou outro e poder falar diso con outras persoas ou debater sobre iso. Este proxecto supón un compromiso para ampliar a nosa visión do mundo literario nun espazo seguro e diverso, onde poder construír o noso propio gusto lector. Todo isto, conseguímolo grazas a unha organización entre as persoas lectoras e coordinadoras, fundamental para o bo facer. Sendo tamén importante para garantir o éxito dos clubs e a súa continuidade no tempo. Con este proxecto podemos dotar á biblioteca de títulos novos e diferentes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar