Xosé Henrique Costas: “Os vigueses confundimos ver e mirar dende o século XIII, non é que falemos mal”
"O galego en Vigo non está desaparecido, soamente moi invisibilizado", di o Catedrático de Filoloxía Galega da UVigo
O catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, recompilou no libro “A fala de Vigo”, que foi publicado hai dous anos pola propia institución académica e reeditado polo Concello o pasado ano nunha versión ampliada, unha miríada de expresións propias do galego que se fala na cidade. Non só léxico, senón tamén cuestións máis propias da fala oral como a entoación ou o acento, que na zona do Val do Fragoso ten un ton característico que a diferencia da fala do resto de Galicia. Na súa visita a Atlántico TV fala da importancia de que a cidadanía coñeza estas expresións que todo o mundo emprega no día a día, incluso cando non falan galego, xa que son tan propias da zona e teñen un carácter tan identitario que se inclúen no castelán que falan os vigueses.
"A fala de Vigo" cumple xa dous anos publicado. De que trata?
É simplemente unha descrición da maneira que temos de falar en Vigo. Do que temos máis diferencial con respecto ao galego estándar, tanto a nivel de acentos como de vocabulario. En canto ao léxico, hai recollidas máis de mil palabras e refráns que son propios de Vigo ou das zonas de arredor como O Morrazo, o Val Miñor ou Louriña. Son formas de aquí que noutras partes de Galicia son descoñecidas e non aparecen nos diccionarios. Un exemplo é a palabra 'pello'. Non a atoparás en ningún diccionario pero para nós ten cinco significados: é o que utilizaban as nenas ao xogar á mariola, o que se lanza no xogo da chave e cada unha das pezas dun mosaico; ademais ser un pello é ser feo e ter pello é ter sorte. O que pretendemos co libro é que a xente de Vigo coñeza a súa forma de falar e o valoricemos, porque non falamos nin mellor nin peor que outros.
Hai algún acento especial que distinga a fala de Vigo?
No libro distingo tres zonas de Vigo: o Fragoso norte, o Fragoso sur e o Fragoso sur. No sur teñen a mesma entoación nas frases interrogativas que hai no resto do sur de Pontevedra, chamado acento circunflexo. O acento interrogativo galego é moi característico porque ten unha curva melódica descendente, cae ao final, mentres no resto das linguas vai para arriba. Pero neste acento do sur de Vigo hai un 'coleteo' ao final da frase subindo a entoación antes de baixala.
Son detalles dos que non nos decatamos pero están aí.
Claro. E ademais este acento estase perdendo por estigmatización. Mentres que en Nigrán, Porriño ou Baiona o acento circunflexo segue vivo, en Vigo é un acento desprestixiado fronte ao acento galego normal. Estamos perdendo riqueza dialectal porque pensamos que este acento é 'do monte', xa que é propio das parroquias do sur como Beade, Bembrive ou Valadares, e hai un traballo recente da de María Vila Tarela na Universidade de Vigo que afonda nesta cuestión do desprestixio.
En Vigo fálase menos galego que antes. Este léxico, acentos, morfoloxía verbal... permean ao castelán?
Totalmente. O castelán de Vigo é un castelán totalmente viguesizado. Desde os usos do verbo mirar no canto do verbo ver. É un arquilexema que temos dende o século XIII, non é que falemos mal. E quen nos queira escoitar ben e quen non, porta. Tamén está a perífrase de querer máis o participio flexionado ("estas niñas querían bañadas"), que se usa tamén no castelán de Vigo. E moitísimo léxico. Hai xente que cree que só fala castelán que, por exemplo, fala de "sudre" e non saben o término castelán. E ademais están dicíndoo con seseo no canto de zudre ou xurro. É a forma viguesa pura da palabra. O léxico vigués vai moito máis alá da palabra 'jicho'. Hai moita xente que di todas estas palabras galegas mentres fala en castelán. Quen di 'xesta' ou 'xesteira' en castelán? Ninguén di "me escondí detrás de una retama".
Durante o proceso de recompilación de palabras e formas propias da fala de Vigo, algunha chamoulle a atención en especial?
Aprendín moitas palabras falando coa xente. E dinme conta de que o galego de Vigo sigue creando. Unha lengua que crea é unha lengua viva. Non pensemos que o galego de Vigo está desaparecido. É certo que non se escoita moito no centro, pero non é inusual escoitalo nun Vitrasa, en Balaídos ou na praza. Nas parroquias é moito máis frecuente. Unha señora falábanos do 'calamete' que tiña unha veciña súa e preguntámonos que era iso. Pois era un 'follamigo', un amante secreto. Cala e mete, isto son creacións recentes. Ou rapaces chamando 'fariñoque' á persoa que lles vende a droga porque aquí non temos camellos. O feito de facer estas adaptacións significa que a lingua está moi viva. Outra cousa moi típica do galego de Vigo é a palabra lóbrego: só aquí significa indiviso no canto de escuro. Iso utilízao en castelán todo o mundo aquí.
O galego de Vigo segue evolucionando entón.
Para nada está desaparecido como din nas enquisas, por iso sacamos este libro. O que está é moi invisibilizado. Non temos máis que ver os medios de comunicación ou a cartelería dos ambulatorios: está todo en castelán. Hai pouca traslación do que é a situación lingüística real ás esferas cultas. Este libro tamén é un chamamento a usar estas formas que son tan nosas. Nós dicimos 'xouba' pero nalgúns supermercados pon 'parrochas' no letreiro. Pero para usalas hai que coñecelas. E as frases que recollo son tan de aquí que algunhas incluso teñen topónimo incorporado: cando alguén descubre a pólvora mollada dicimos "Vaia cousas, ir de Vigo a Bouzas", por exemplo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Fútbol | Segunda Federación
Xavi Sola: “El cuerpo técnico nos dice que hay llegar a la permanencia, pero nosotros miramos hacia arriba”