Xoán Carlos González: "Non lle temos medo, cremos que podemos desenvolver políticas de vivenda positivas"
Xoán Carlos González continua loitando polos dereitos dos redondelanos sen formar parte do goberno local
Tras o resultado das últimas eleccións municipais, celebradas en maio de 2023, o BNG foi unha peza clave para a formación do Goberno de Redondela. Xoán Carlos González, membro da oposición, foi reelixido como cabeza de lista e candidato á alcaldía de Redondela para as próximas eleccións municipais, que terán lugar o vindeiro ano.
Despois das últimas eleccións, deu o seu apoio a Digna Rivas para formar un goberno de esquerdas. Porén, hai uns meses, a situación mudou e o BNG retirou o seu apoio. Como son agora as relacións co goberno local?
Desgraciadamente, nestes momentos non hai ningún tipo de relación, máis alá da estritamente formal, na xestión do Concello entre o BNG e o Partido Socialista en Redondela. Non é unha situación que desbotemos en ningún momento, porque entendemos que hai que visualizar, diante da veciñanza, que, malia que somos de organizacións distintas, si temos que chegar a un entendemento. Pero ese entendemento corresponde, en maior medida, a quen ten máis responsabilidade e máis concelleiros e concelleiras, neste caso, o Partido Socialista.
E cal é a relación co PP?
Tampouco hai ningún tipo de comunicación nin contacto co Partido Popular, entre outras cousas porque estamos “nas antípodas” e os proxectos son totalmente distintos. Podemos coincidir en determinados temas plenarios, pero, así como o Partido Popular foi establecendo unha dinámica na oposición de confrontación, de dicir “non por non”, o BNG, na primeira parte do mandato, intentamos dialogar e colaborar con quen sustentabamos no goberno.
Anunciouse que vostede será o cabeza de lista do BNG nas próximas eleccións. Que proxectos ten o Bloque para Redondela?
A ver, os proxectos concretos e o programa de goberno irémolos definindo cun grupo de traballo. Pero hai cuestións que entendemos que foron obviadas polo actual equipo de goberno, co que intentamos, dalgún xeito, chegar a acordos e dialogar, pero que finalmente non se efectivizou. Entendemos que nas parroquias hai un abandono importante, tanto en servizos básicos como o saneamento ou o apoio ás traídas de augas, como mesmo na mobilidade segura polos camiños polos que todos transitamos. Nos núcleos urbanos de Redondela e Chapela, queremos humanizar máis as nosas rúas para que se faga vida nelas, mellorar a accesibilidade e a conectividade en lugares como Chapela. Temos tamén un hándicap moi importante na cuestión da vivenda. E logo, afortalar os servizos sociais, que entendemos que en Redondela tamén están sendo os grandes esquecidos.
Nunha entrevista recente, a alcaldesa, Digna Rivas, anunciou que conseguira financiamento para varios proxectos en Redondela. Apoiará o BNG estas iniciativas?
No acordo de investidura formulamos un punto importante que non se cumpriu: que aqueles proxectos que superasen os 300.000 euros tiñan que ser compartidos co BNG para poder dar a nosa opinión. Entendiamos que era necesario para melloralos. Iso non se cumpriu. Polo tanto, este proxecto non é o que eu vou presentar. Pode ser levado ao Pleno ou pode ser executado directamente mediante resolución da Alcaldía. En todo caso, entendemos que os proxectos teñen que ser útiles para Redondela. Se hai proxectos que son positivos e beneficiosos, teñen que apoiarse.
En Redondela xa se ve a moita xente nova preocupada polo problema da vivenda. Ten o BNG en mente algunha iniciativa para facilitar o acceso da mocidade á vivenda?
O tema da vivenda é un dos grandes problemas de Redondela. Somos un concello veciño de Vigo e iso, para ben e para mal, trae consigo unha serie de problemas. Neste caso, agudizados por un elemento como o Camiño Portugués e o Camiño da Costa, xa que a proliferación de vivendas de uso turístico está provocando que moitas desas vivendas, que potencialmente poderían destinarse á compra ou ao alugueiro, non estean no mercado. Entendemos que hai que habilitar un servizo municipal de vivenda para intentar sacar ao mercado vivendas para a compra ou o alugueiro, mediar e desenvolver políticas de axuda, sobre todo para aquelas persoas en risco de exclusión social ou para a mocidade, que representa un sector importante da nosa poboación. Non lle temos medo e cremos que podemos desenvolver políticas de vivenda positivas para a veciñanza.
Que expectativas ten de cara ás próximas eleccións? Ve viable un goberno do Bloque en Redondela, como o que hai en Soutomaior?
Tanto pola tendencia dos últimos procesos electorais, nos que o Bloque Nacionalista Galego, por exemplo, nas eleccións galegas, foi a forza máis votada, como pola percepción da veciñanza, entendemos que vai haber un apoio importante para que o BNG ocupe o goberno en Redondela. Aspiramos a concentrar ese voto para poder asumir un goberno e mesmo chegar a unha Alcaldía do Bloque Nacionalista Galego. Entendemos que é un reto moi complicado. Temos motivos para ser optimistas. Imos construír un grupo de persoas, un equipo, que cre firmemente que podemos gobernar en Redondela, e pensamos que moita xente nos vai dar a súa confianza.
No caso de que o resultado fose semellante ao das anteriores eleccións e o BNG volvese ser clave para a formación do goberno, a quen apoiaría?
Ben, aínda estamos a nove meses das eleccións, pero a nosa postura tradicional é a de construír gobernos de progreso e alternativos. Sempre deixamos ben claro cara a onde imos ir. Outros son ambiguos e van dando bandazos. O Bloque Nacionalista Galego sempre vai estar do lado dos gobernos de progreso.
Contenido patrocinado
También te puede interesar