Xavier Simón: “Hai que humanizar a transición enerxética, escoitando ó rural e ás persoas”

Membro do Observatorio Eólico de Galicia

Xavier Simón: “Hai que humanizar a transición enerxética, escoitando ó rural e ás persoas”

Forma parte do Observatorio Eólico de Galicia e participa nunha iniciativa chamada ‘Humanizando as Enerxías Renovables’ promovida pola Rede Española para o Desenvolvemento Sostible. É Xavier Simón, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e exalcalde de Arbo.

Cal é obxectivo deste proxecto ‘Humanizando as Enerxías Renovables’?

É necesario sustituir os combustibles fósiles por enerxías renovables pero as persoas e os territorios locais, sobre todo os rurais, teñen que estar presentes nese proceso de transición, que non sexan únicamente os lugares onde se colocan esas infraestructuras para producir megavatios que non contaminan, senón que sexan protagonistas. En definitiva, que se escoite a súa voz e as súas necesidades.

Cre que se escoita a voz do rural?

Todo parece indicar que non, na meirande parte dos casos hai negociacións entre os promotores e as comunidades locais, pero a posición de ambas é bastante asimétrica cunha posición de forza por parte dos primeiros. É posible correxilo cunha maior vontade por parte das empresas, aínda que hai de todo, hainas cunha alta responsabilidade social e corporativa e outras que non e entran no rural e en lugares que teñen recursos naturais sen a delicadeza necesaria.

Que papel xoga a Administración?

Un papel clave. Quen ten o poder e a capacidade para modificar o marco regulatorio son as administracións públicas, a autonómica e a estatal e o marco existente é mellorable. Foi exitoso no ámbito da expansión da capacidade instalada, hoxe en España e en Galicia temos una potencia instalada renovable moi grande, unha das maiores de Europa, pero non foi tan exitosa á hora de considerar a tódolos. A humanización das renovables, que é o lema da campaña, obedece a que eses marcos políticos non foron sensibles a estas necesidades.

Na eólica terrestre hai moitos casos en suspensión cautelar por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Debemos ser serios e rigorosos, é certo que hai un parón eólico en Galicia, os números cantan, pero ese parón comezou en 2009. Dende entón pasaron 16 anos e en Galicia instalouse só o 5% de toda a potencia que hai instalada, o 95% restante fíxose antes de 2009. O parón non é consecuencia dos procedementos xudiciais recentes senón da inseguridade xurídica provocada polo marco deseñado pola administración autonómica que fixo que hoxe non sexa válido para impulsar as enerxías renovables.

Que papel xogan as renovables nun feito histórico como o do apagamento enerxético en España?

Non entendemos que se sinalen as renovables como as culpables e que se empregue este argumento que non teñen base científica nin técnica ningunha para manternos no paradigma das enerxías fósiles e recuperar a enerxía nuclear. O sistema eléctrico español funciona perfectamente e fala de maneira positiva o feito de que se recuperou o suministro nun espazo curto de tempo. Houbo temas que non funcionaron ben e que hai que correxir, hai que mellorar o funcionamiento do sistema. En relación coas renovables necesitamos reducir o noso despilfarro de enerxía e sobre todo precisamos avanzar nos procesos de acumulación. Ten que haber máis fondos públicos porque o almacenamento é caro.

Pode provocar o apagamento un freo nos investimentos nas renovables?

Non o creo. O freo dos investimentos nas renovables en Galicia é consecuencia da inseguridade xurídica nos últimos 16 anos. Cantas máis renovables teñamos máis barata será a electricidade. A mellora da competitividade na fotovoltaica foi enorme e estamos asistindo a un forte desenvolvemento do autoconsumo en Galicia e en España. Fortalece as comunidades locais e humaniza o sistema eléctrico e o enerxético e pode ser unha solución parcial para problemas de desabastecemento. Habería que impulsar un sistema eléctrico en España descentralizado e distribuido en pequenas localidades que territorialmente poidan producir e satisfacer as necesidades locais. Niso estamos traballando.

Ve posible que se produza outro?

Claro, pero a cidadanía e as empresas non deben ter temor. O sistema eléctrico español é moderno e está ben pilotado, se ben é necesario melloralo. Se se chegara a producir outro sería puntual e cunha recuperación rápida. O máis importante sería que avanzasemos nunha producción distribuida onde os productores e os consumidores se achegasen e o autoconsumo. Estamos nun proceso de transición enerxética, algunhas organizacións entre elas a Universidade de Vigo e o grupo de investigación do que formo parte, traballamos para humanizar esta transición. Temos as tecnoloxías e o marco xurídico, o que precisamos é que as persoas e as pemes xoguen un papel clave.

Contenido patrocinado

stats