Xacobe Martínez: “A música punk fala dos problemas e o hardcore fala das solucións”

"Queremos intentar ser unha plataforma que lles dea máis visibilidade as bandas", sinala Xacobe Martínez, que está detrás da discográfica viguesa Coida dos Teus

Xacobe Martínez: “A música punk fala dos problemas e o hardcore fala das solucións” | Jorge Santomé

Xacobe Martínez está detrás da discográfica viguesa Coida dos Teus, un selo independente dende 2010 especializado en música hardcore, un subxénero do punk con cancións aínda máis rápidas e enérxicas que influenciou xa dende hai décadas a numerosas bandas da cidade. Agora veñen de editar en vinilo e en dixital o disco “Galiza Hardcore vol. 1”, un recopilatorio de cancións de grupos de Vigo e Galicia deste xénero musical.

Como xurdiu a idea deste recopilatorio?

Levamos desde 1999 tocando en bandas e sempre coa intención de que fosen en galego, de normalizar que as bandas de hardcore de aquí cantasen na nosa lingua. Pero despois houbo unha falta de relevo xeracional. Eu estiven vivindo en Berlín durante uns anos e, nese tempo, chegou ese relevo. Cando estaba a piques de volver, vin que empezaban a aparecer bandas facendo hardcore en galego. Foi unha marabilla volver de Alemaña e atoparme con que aquela semente que intentamos plantar dera froito. Así que este disco nace como unha celebración dese momento. Aproveitamos para pedirlles ás bandas novas cancións inéditas e ás máis veteranas temas que non estivesen editados ou que fosen practicamente inéditos. A idea era que todo o recopilatorio estivese formado por material novo ou moi pouco coñecido.

Qué acollida está tendo?

Moi boa. Estamos moi contentos.

Decidístedes editar o disco en vinilo.

Foi a primeira vez que traballabamos con esta fábrica de vinilos, que está en Portugal, así que houbo que aprender todo o proceso. O máis complicado, con todo, foi coordinar todas as bandas para que entregasen o material a tempo. Houbo algún contratempo que non esperabamos, porque cando traballas cunha soa banda é moito máis doado fixar prazos. Nun recopilatorio con tantas bandas hai bastante máis traballo de coordinación.

Presentástedes o disco en directo en Vigo. Haberá máis concertos?

Tamén temos concertos en Compostela e Aguiño e estamos intentando organizar datas en Lugo e Ourense para facer unha pequena xira.

Como son os concertos das bandas de hardcore?

O hardcore é música de directo ao cen por cento. É imposible captar nun disco o que se vive nun concerto. No estudo fas o que podes, pero onde realmente está a enerxía desta música é no directo.

As letras, tamén neste disco, acostuman a ter carga social.

Si. Especialmente no hardcore europeo. O hardcore estadounidense foi, en moitos momentos, máis persoal ou máis introspectivo, pero o hardcore europeo, desde comezos dos anos oitenta, sempre tivo un forte compoñente político e social. Dise que o punk fala dos problemas e o hardcore fala das solucións.

Como vedes o momento actual da escena hardcore en Vigo?

Creo que hai un rexurdimento. Está vivindo un bo momento, aínda que non é comparable co que había hai vinte ou vinte e cinco anos en canto á afluencia de público e ao volume de actividade. Vigo xa non é esa parada obrigada nas xiras como o era antes. Daquela organizabamos moitos concertos de maneira independente e era habitual traer bandas unha ou dúas veces ao mes con cen, cento cincuenta ou mesmo duascentas persoas de público. Agora iso xa non pasa, pero tamén é certo que a situación está moito mellor do que estaba hai dez ou quince anos.

Xa pensades nun segundo volume?

Si. Houbo un momento no que fixemos clic, cando empezamos a escoitar a calidade das gravacións e a intención das bandas. Daquela pensamos que isto había que facelo cada dous ou tres anos. Mentres siga habendo bandas de hardcore cantando en galego e facendo cousas, queremos intentar ser unha plataforma que lles dea máis visibilidade.

Contenido patrocinado

stats