Wöyza: “Nunca encaixei, estou entre dúas augas sen atopar un sitio no que me sinta cómoda”

"Este ano decidín que non ía a ter concertos, comezaría coa promoción en outono", din a cantante e compositora viguesa Wöyza

Wöyza: “Nunca encaixei, estou entre dúas augas sen atopar un sitio no que me sinta cómoda”

A referente viguesa no hip hop, Wöyza, ten novo traballo, “Valiosa”. Vaino presentar en directo o 16 deste mes no concerto inaugural do Ikfem, na eurocidade Tui-Valença. Do disco e do festival falou no set de Atlántico TV

No single de “Valiosa”, que é en portugués, conta cunha colaboración especial.

Fixen o dúo con Alana Sinkëy, unha artistaza que admiro moitísimo, de Guiné-Bissau. Pero en Tui, acompañarame Emmy Curl, de Vila Real. É espectacular, namoréi dela totalmente. Cando me fixeron a proposta, quixen convidala.

Semella a eurocidade o sitio axeitado para esta presentación?

Este ano decidín que non ía a ter concertos, comezaría coa promoción en outono. Fun nai recentemente, o meu fillo aínda ten 16 meses e resúltame difícil conciliar. Pero ao final “Valiosa” non é só un disco, non son palabras, tamén un estilo de vida, unha forma de por en valor o humanismo, polo tanto a maternidade. Cando apareceu esta oportunidade, non podía dicir que non, porque igual o ano que ven non me chaman.

Pero non vai ser a súa primeira participación no festival.

Xa estiven e coñézoo, pero nunca actuei, sempre foi dos meus festivais favoritos. É moi cultural, con xente diferente. Non buscan necesariamente a artistas megafamosos con moitos likes. O interesante é que é música recoñecida por músicos, de culto, de tódolos xéneros. A dinámica de unir a artistas das dúas beiras do Miño resulta moi enriquecedor.

Este disco chega tras unha longa traxectoria. Como foi evoluíndo Wöyza?

Non teño unha persoaxe, son eu mesma. Na música sego o meu propio instinto e resposta as miñas necesidades persoais. “Valiosa” é un disco que fala da intimidade, da sexualidade, dentro de outro punto de vista. Tento encaixar bastante diversidade de temáticas, cambia o punto de vista co que achego. Non é o mesmo a relación aos 20, que aos 30 ou aos 40. Entón, pois a ver que nos agarda máis adiante.

E a xente a quen lle canta madurou ao tempo?

Os fans de sempre, si. Son os mesmos que tiñan 16 anos e que agora pasan dos 30. Por sorte, a miña música conecta con xente de tódolas idades. Teño seguidores de 70 anos que se sinten moi identificados cos meus temas e pode que na súa xeración non atoparon unha música que representase. A música é universal e as etiquetas son para a industria.

Por que escolleu o hip hop para expresarse?

É unha pregunta difícil de responder porque non son eu a que escollo. Cando teño unha inspiración, as miñas influencias van da música soul, ao rap ou ao R&B, pero tamén á música tradicional galega. Sego moitos xéneros musicais, agora escoito moita música infantil. Nalgún xeito, todo esto acaba notándose.

Como se sinte no panorama actual?

Sego pensando que nunca encaixei, sempre estive entre dúas augas. Creo que teño unha identidade moi clara, calquera que me escoita, di que me recoñece. Iso é o que busca unha artista, pero tamén é difícil ás veces encaixar. Non atopo un lugar no que estea cómoda. Tampouco sei se quero.

Sempre tivo un chisco de rebeldía.

Tamén son os estándares que nos expoñen. Non me gusta facer o mesmo que os demais. Gústame crear algo novo, persoal, tentar dar unha mensaxe auténtica e real.

Fai música para ser escoitada, non oída?

Para a reflexión, para acompañar procesos psicolóxicos e vitais. O máis bonito para unha artista é axudar a outros. Esa é a miña misión.

Contenido patrocinado

stats