Wenceslao Cabezas, 'Polo': "Non acostumo a dar xabrón a ningúén, aínda que fosen os meus netos"
“Din clase durante moito tempo, ao longo de 65 anos ensinei a uns 33.000 alumnos”, di o mestre de baile tradicional e pandereteiro
Patriarca dunha familia de músicos, Wenceslao Cabezas del Toro, máis coñecido por “Polo” en referencia ao seu pai, Hipólito, é unha referencia no mundo do folclore galego. Con 80 anos vén de recibir un novo recoñecemento, a distinción honorífica da Música e das Artes, concedida por Amigos de la Cultura Celta y la Asociación Vieira. Súmase a un palmarés onde xa locen dous Vigueses Distinguidos (un, en 1993, como integrante de Airiños do Parque de Castrelos e outro, en 2005, como director da Escola Municipal de Danza Tradicional e Percusión), a Medalla de Galicia en 1998, a Medalla Honorífica do Gaiteiro Soutelo ou o Grammy colectivo pola colaboración no disco “Santiago” de The Chieftains. Cunha axenda chea de previsións, visitou o set de Atlántico TV para falar da paixón de toda unha vida, a música e o baile tradicional.
Varias xeracións de vigueses pasaron polas súas mans. Ten un cálculo aproximado de cantos?
Din clases durante moito tempo, ao longo de 65 anos ensinei a uns 33.000 alumnos de Vigo, Baiona, Redondela, Cotobade e de moitos colexios. Na cidade só había dúas agrupacións de baile tradicional, a sección feminina de Coros y Danzas, e Ventos das Cíes.
É o pioneiro dunha familia de músicos.
E son moi bos. Se alguén non é bo dígollo, non acostumo a dar xabrón a ninguén aínda que fosen os meus netos. Os bisnetos tamén van ao conservatorio; unha das miñas fillas está no grupo Tangaraño, outras dúas son profesoras e unha pedagoga na escola municipal e o meu fillo Hipólito xa leva tempo na banda de gaitas da provincia de Pontevedra.
Como chegou ao mundo do folklore?
Gustoume dende pequeno. Escoitaba unha canción e con 5 anos xa me puña a bailar. No instituto Santa Irene, a profesora de ximnasia estaba a preparar un espectáculo para fin de curso e preguntou quen quería bailar unha regueifa. Apunteime e foi a primeira vez que puxen o traxe tradicional.
E a partir de aí xa non o quitou.
Con 14 anos, o meu pai púxome a traballar como castigo porque suspendera tres materias; primeiro nun taller de motos e despois, como xa lle dixen que non quería volver a estudar, empregoume nun estaleiro. Por aquel entón, o 4 agosto de 1964, empecei a bailar a en Ventos das Cíes.
Ten dito que eses inicios foron case clandestinos.
Logo o meu pai xa se decatou. Ensaiabamos os luns, os mércores e os venres, de oito a nove e media. No terceiro ano apunteime tamén os martes, xoves e sábados coa profesora Maruxa de la Vega. Viña de Madrid e daba clase de baile español.
De onde saían esas primeiras coreografías?
As coreografías sacábaas o mestre. A sección feminina e nós tiñamos a mesmas pezas, unha regueifa, unha muiñeira, unha ribeirana e unha xota. Bailabamos con modelos que montaba o mestre, as mulleres sentadas no chan e nós, con monteira, danzabamos ao redor delas. Máis adiante, algunhas agrupacións eliminaron esas coreografías polo tablón e roda.
Outra das súas facetas musicais é a de pandereteiro.
Copiei do meu mestre. Viaxamos a Francia, Marrocos ou Zaragoza. Eu tiña unha pandeireta pequena, de nove pares de ferreñas e ía no autobús practicando. Sempre me aconsellaba “Polo tes que ensaiar”, pero non me dicía como. Eu tentaba trasladar o que lle vía facer cos dedos. Practicaba nas viaxes e os meus compañeiros dicíanme “xa podías calar”.
E de aí a desenvolver o xeito Polo.
O xeito Polo é tocar con tódolos dedos, tentar repenicar cos cinco, non con un, nin con dous. Nun momento dado poder cambiar de man para interpretar a xota, o fandango ou incluso o vals. É difícil, non se toca igual, pero serve para descansar os dedos da man esquerda.
Reivindica pandeireta como solista.
A maioría dos grupos tocan todos sempre igual, sen improvisar, así como empezan acaban. Son cantareiras que usan a pandeireta como acompañamento.
Precisamente un dos seus netos, Álvaro Costas, recolleu nunha publicación ese xeito tan persoal de toca.
Álvaro é moi meticuloso e gústalle. E iso que é zurdo, colle coa esquerda e toca cos dedos da man dereita.
Está a preparar unha xira coa súa banda, Airiños do Parque de Castrelos.
É o grupo de gaitas máis antigo de España e penso que de Europa. Fundouse nos anos 40, xa morreron todos os fundadores, só quedo eu, bótoos de menos. Non tiñamos nin idea de música, pero miraba para eles e xa sabían que quería. Ensaiabamos unha vez a semana nun alboio en Castrelos, na casa de Juan. Improvisabamos pezas e para non as esquecer gravabamolas nun magnetofón. Fixemos dous discos e no 93, entregáronnos o Vigués Distinguido. Viaxamos moito. Con cinco integrantes, eramos o grupo de gaiteiros máis numerosos.
E agora volve aos escenarios.
Cos meus netos, Álvaro e Suso, e con Beny Costas e Miguel González, ensaiamos tódolos xoves no Concello. Imos facer un novo disco, despois das actuacións en xuño nos centros galegos de Madrid e Zaragoza.
Precisamente estas actuacións coinciden coa entrega dunha nova distinción que lle fan pola súa traxectoria.
É unha distinción a nivel España. Estou moi orgulloso, foi o meu neto Álvaro o que se encargou de todo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Fútbol | Segunda Federación
Xavi Sola: “El cuerpo técnico nos dice que hay llegar a la permanencia, pero nosotros miramos hacia arriba”