Vítor Vaqueiro: “Sempre estou convencido de que o último libro que escribo é o mellor”

O escritor vigués publicou este ano “Ensaios sobre o efémero”

Entrevista a Vítor Vaqueiro. | Atlántico

O escritor vigués Vítor Vaqueiro ven de publicar este ano “Ensaios sobre o efémero”, un libro de relatos curtos escritos ao longo de máis de dúas décadas. Nesta entrevista reflexiona sobre a síntese narrativa, a biografía ficcionada e a escrita como obra prolongada no tempo.

“Ensaios sobre o efémero” é un libro de relatos curtos. Que aporta este formato á prosa de Vítor Vaqueiro?

Esa pregunta normalmente resúltame medio difícil de contestar. Ás veces me preguntan como vexo a miña poesía, as novelas... Eu creo que sempre son o mesmo. Creo que era Carlos Fuentes quen dicía que un sempre escribe a mesma obra. Durante corenta ou cincuenta anos estás escribindo, sexan os anos que sexan, a mesma obra. Son diferentes capítulos, diferentes perspectivas. O que si existe é, obviamente, unha redución de formato, que require un esforzo de síntese. Tampouco son moito dese tipo de novela na que hai o que chaman “páxinas de palla”, iso non o practico. Que achega? Probablemente, madurez. Eu sempre digo que estou convencido de que isto é o mellor que escribín, pero sempre estou convencido diso cando remato algo, porque senón sería tremendo.

No limiar fala de que algúns dos relatos se afunden no ano 1994. Como é a tarefa de escolmar que relatos acaban no libro?

Comecei, non sei se foi no 1994, non teño demasiado boa memoria, se en 1993 ou 1994. O proxecto era traballar sobre este tema dous, tres, catro, cinco anos. Non teño demasiada presa en publicar nunca, pero as casualidades da vida fan que vaian sucedendo cousas e o vas adiando. Seguín escribindo, e houbo anos nos que a mellor escribía un relato só, outros anos sete ou oito. Tiña unha carpeta aberta, ordenada, e dicía: este para aquí, este para alá, isto imos dividilo en tres partes… Nese intervalo saíron outros libros e este quedaba aí, ata que chegou un momento no que dixen: ben, xa está, son setenta e dous relatos, isto xa se pode publicar.

No libro hai presencia do mundo oriental, das “Mil e unha noites”. Que ten a noite oriental que atrae a Vítor Vaqueiro?

A min sempre se me di iso, que lembro a Borges e ás “Mil e unha noites”. E a explicación é moi sinxela, e moi real. O día que cumprín oito anos, na miña primeira comuñón, meus pais regaláronme unha versión moi importante das “Mil e unha noites”, traducida por un francés, de hai un par de séculos, unha edición de setecentas páxinas. Aí iniciouse realmente a miña lectura. Ademais, había na casa unha colección de contos ilustrados por Emilio Freixas: os dez mellores contos árabes, indostánicos, americanos… Eu lía iso, e seguramente de aí vén a miña afección pola etnografía e mitoloxía galega. Ese regalo foi decisivo. As “Mil e unha noites” están cheas de xenios metidos nunha botella. Para un neno de oito anos iso é algo xigantesco: como pode caber aí dentro?

Falando de Borges, tamén traballa coas biografías ficcionadas. Como se aborda esa tarefa?

Hai persoas das que hai que inventar a biografía, existisen ou non. Ás veces coñeces alguén e pensas: esta persoa, colocada noutro contexto, daría moito xogo. A biografía de Isabel Barreto xorde un día de Entroido, cando vexo unha amiga miña disfrazada dela, cun traxe marabilloso. Pensei: con isto hai que escribir algo. No caso de Timoclea, apenas hai dúas liñas de Plutarco nas “Vidas Paralelas” sobre a violación desta muller e a vinganza contra o seu violador. Aí hai que inventar practicamente todo e intentar imaxinar sentimentos que, sendo home, é difícil coñecer, como a ira ou a necesidade de xustiza. Cada caso é distinto. Hai outros nos que apenas sabes que alguén andou pola selva amazónica e decides construír unha vida arredor diso, tentando encadrar a persoa no seu tempo.

Contenido patrocinado

stats