Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas: "Fomos quen de pensar na veciñanza por riba das cores políticas"

Con bastón de mando

Publicado: 29 mar 2023 - 00:00 Actualizado: 30 mar 2023 - 00:21

A alcaldesa Verónica Tourón visitou a set de Atlántico TV para abordar os temas do concello.
A alcaldesa Verónica Tourón visitou a set de Atlántico TV para abordar os temas do concello.

Verónica Tourón, actual alcaldesa de Salceda de Caselas, visitou o set de Atlántico TV para dar conta dos dous anos que leva ao fronte do Concello. Integrante do PSdG, chegou a un acordo de goberno cos independentes Movemento Salceda, polo que repartiron a alcaldía á metade do mandato para cada grupo político, correspondéndolles aos socialistas o tramo final.

Cal é a valoración despois de catro anos de goberno bipartito?

A valoración en xeral é moi positiva. Fomos quen de pensar na veciñanza por riba das cores políticas. Resultou algo moi positivo para os veciños que é o que nos interesa as dúas, a Loli Castiñeira, que foi alcaldesa os dous primeiros anos e a min, así como a todo o equipo de goberno. Procurámoslle dar á xente o que precisa para a súa vida cotiá.

Ten sido un acordo previo ás leccións?

Foi un pouco in extremis, un pouco antes da investidura en 2019, e pouco antes tamén da sesión plenaria.

Repetirán colaboración para os comicios do vindeiro maio?

Agora toca este período electoral, no que xa se presentaron as distintas candidaturas. Nós iremos como Partido Socialista e aspiramos a ser a lista máis votada, ese é o noso horizonte cara onde nos imos mover. Tralas eleccións veranse os pasos a seguir.

Cal foi a obra estrela da que se senta máis orgullosa deste mandato?

O principal foi traballar na liña de facer unha Salceda mellor para as persoas, coa creación e a mellora de servizos e as obras que son importantes para a comunidade como é o centro cívico da Devesa. É destacable polo emblemático do edificio, pero amais cando seguimos esa liña de rehabilitación das construcións o máis importante é a atención á veciñanza, está destinado aos pensionistas e xubilados de Salceda e á Asociación de Mulleres. Ten importancia polo contido social e benestar social. Por outra banda, a nova piscina municipal é un proxecto que comezamos o ano pasado e agora estamos na segunda fase. Trátase da reforma integral dunhas instalacións que teñen máis 37 anos, é unha modernización que atane a todos, pero sobre todo á mocidade e á nenez. O que máis me enorgullece é a liña que iniciamos de por novos servizos a través da rehabilitación como fixemos nas casas de mestres, ou na casa do mestre de Fontán, que será a primeira vivenda social do concello.

Precisamente, a demanda de servizos fai insuficiente os ofrecidos polo centro de saúde. Como vai ese tema?

Temos unha poboación en crecemento que demanda servizos, é un feito positivo e fai que como alcaldesa me sinta afortunada porque o concello medre, aínda que iso supón unha maior esixencia en dotacións. Contamos cun centro de saúde novo dende principio do mandato, pero queda o aumento do servizo que en breve se porá en marcha. Temos dous proxectos onde o Concello ten os deberes feitos, nos que estamos á espera da resolución da Xunta: A segunda galiña azul para acoller a esa infancia e o centro de día, que está en proceso. En Salceda temos unhas 1.500 persoas maiores de 65 anos, e un pobo que medra como nós non as pode deixar atrás, o mesmo que a mocidade. Para seguir a fixar a poboación temos que fomentar o emprego, pero tamén pola conciliación.

Salceda foi un dos grandes danados coa paralización da Área Metropolitana, principalmente co transporte. Segue a ser este unha débeda pendente? O transporte dende o punto de vista da veciñanza é o problema máis serio a día de hoxe. É importante estar pretiño de todo, ven sendo unha demanda de servizos a que se precisa dar resposta. Non é normal que non teñamos un transporte acorde coas necesidades. Logramos traelo bacharelato para o IES Pedras Rubia e estamos a loitar pola Formación Profesional, pero mentres esa mocidade debería ter acceso a un autobús que a achegase ata as localidades que si teñen, e tamén para os maiores que teñen que trasladarse ao hospital. Esta é unha loita que temos coa comunidade autónoma, dende a última adxudicación, o servizo empeorou. Tamén lle fixemos chegar á Xunta esa demanda de transporte a través da Mancomunidade do Paradanta, á que pertencemos. Fai falla, é unha demanda moi lóxica e xusta.

Entón o transporte será un dos obxectivos para o vindeiro mandato?

Sabemos que non depende dunha decisión a nivel concello, pero si da Comunidade Autónoma que é a que ten as competencias. Temos que seguir traballando por unha Salceda máis sostible, cun compromiso co medioambente. Seguiremos crecemento dos servizos que está a demandar a veciñanza.

Cales son eses obxectivos a curto e medio prazo?

Será un tema clave no próximo goberno o ámbito deportivo. Temos unha idade media moi baixa, que non chega aos 42 anos, outra “anomalía” do noso concello con respecto á situación que se vive en Galicia, e este poboación reclama unha serie servizos no educacional e no deportivo que van máis alá dos existentes. Temos moi avanzada a ampliación do pavillón municipal para desconxestionar o actual. Ata agora imos facendo como quebracabezas para dar cabida a tódolos clubs nas dotacións que temos, que son ben son bastantes en comparación con outros concellos da contorna, quedamos escasos. Estamos a traballar para solventar esta situación, xa redactamos o proxecto, coa implicación da concellería de Deportes e a de Urbanismo. Queremos telo todo listo para acceder a subvención da Deputación que finaliza o seu prazo o 21 de abril. Así teremos financiamento e datas concretas como nos piden os veciños.

Contenido patrocinado

stats