Vanesa Álvarez: “Case 250 voluntarios pintaron no mural de Coia, aí é cando a arte pública ten máis sentido”
Vanesa Álvarez, a filla pródiga da arte viguesa que reside en Nova York, regresou a súa cidade natal por vacacións. Visitou o set de Atlántico TV para falar das súas últimas intervencións tanto en Vigo como en Ibiza.
Hai unhas semanas finalizou “Coida Coia” na avenida Castelao. Ben pode ser o mural máis longo de Galicia.
Penso que si, porque entre as dúas fases son case 4 quilómetros cadrados. Foi unha tolemia de mural, danme ganas de investigar por se bateu algún récord. Dende logo, si é o máis longo da cidade.
Traballar nun lugar tan concorrido tería a súa complicación.
Pois si. Foi en dúas fases: O ano pasado fixemos dende a Praza de América ata a rotonda do barco, e este ano, dende esa rotonda ata os volcáns. Tecnicamente foi difícil polo tránsito e porque eran moitos metros. Tiñamos a caseta de obra no medio con todos os materiais, pero aínda así foi moito ir para arriba e para baixo, ata o hipermercado nos tivo que deixar uns carriños para transportalo. Tentábamos non interferir na vida dos veciños.
Neste proxecto quería implicar á comunidade. Logrouse?
O recibimento foi incrible. Traballo como muralista en Nova York e gústame que participe a veciñanza, porque creo que é cando a arte pública ten máis sentido. Alí pintei un mural en Union Square con voluntarios. Viuno o Concello e pediume o que fixera aquí. Entre os dous anos, case 250 voluntarios pintaron connosco o mural de Coia. Iso foi o máis bonito do proxecto. Eu espero que, por suposto, o deseño e as cores tamén gusten, pero quero deixar claro que está moi pensando para que o voluntario pinte e desfrute. Son moitos símbolos de Vigo, moitas cores planas, para que os voluntarios deixaran a súa pegada. O mural é de todos.
Son formas moi chamativas que enganchan aos nenos.
Iso é superbonito. De feito estamos tamén a traballar nunha unidade didáctica para que os nenos poidan recoñecer as figuras que hai, nomear os paxaros que aparecen como a lavandeira; as referencias ao mar, están as guindastres da cidade. Así eles teñen tamén un xogo para poder ir paseando co seu patinete e ir identificando todo.
Este non é o único proxecto que ten en Vigo. Dentro do mesmo programa “Vigo, cidade de cor”, está Expostas que vai cara aos dez anos iluminando as medianeiras da cidade.
Expostas é un dos meus proxectos máis especiais e queridos. A idea é a de mulleres pintando a mulleres e mulleres dentro do espazo público de novo. Cada ano homenaxeamos a representantes dun ámbito. Emociónanos ver que os nenos de Vigo estudan Expostas nos coles. Son referentes femininos que recollemos na web Expostas.org con entrevistas a moitas delas.
Amais deixar a pegada da arte viguesa en Nova York, este verano tamén o fixo en Ibiza. Como foi?
Foi unha proposta da miña parella, Marcos de la Fuente (codirector do festival Kerouac). Temos un amigo vivindo na illa e apetecíamos facer algo. Así xurdiu “Poetiuses”. Foi incrible, fixen un live painting e Marcos recitou poesía, sempre mesturada música, pasaron poetas da zona. Creo que Ibiza, como está tan encadrilado noutro tipo de ocio, tivo moitísimo éxito esta iniciativa máis cultural, tanto que é posible que teña continuidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último