Silvia Pérez Freire: “O traballo sexual non constitúe nin relación laboral nin sexo”

A socióloga da UVigo moderou un faladoiro sobre as implicacións éticas da prostitución o pasado martes

Silvia Pérez Freire: “O traballo sexual non constitúe nin relación laboral nin sexo” | Atlántico

A socióloga da UVigo Silvia Pérez Freire, experta en temas sobre abolicionismo e trata, ofreceu un faladoiro no Marco sobre as implicacións éticas da prostitución, unha actividade impulsada polo Ateneo Atlántico.

Que tratou neste faladoiro?

Decidimos darlle un enfoque a unha charla sobre abolicionismo para explicar á cidadanía en xeral en que consiste un posicionamento ético sobre a prostitución, sobre o acceso ao corpo con prezo. Decidimos facelo dunha maneira o máis didáctica posible e quitándolle moito do ruído que pode ter este tema e que nos leva a discutir sobre elementos aos que sempre lle estamos a dar voltas. Temos que tratar de comprender que todas as relacións humanas están sometidas a un compromiso social onde o marco de relacións está rexido por unha corresponsabilidade ética mediante a cal tentamos non xerar un dano e respectamos uns límites. Este marco xeral sobre o que nos movemos para todas as relacións que temos en sociedade, cando toca o tema da prostitución parece que se desmorona todo. Eu quería achegar por que a prostitución constitúe na nosa sociedade unha manifestación extrema da violencia de xénero.

En que sentido o afirma?

Facer comparativas axuda. Eu considero que o tema da prostitución está, a nivel sociopolítico e xurídico, como a violencia de xénero no ámbito da parella. O que pasa é que hai solidaridade social coas víctimas de violencia de xénero na parella, pero hai unha resistencia a considerar ás mulleres en situación de prostitución como víctimas. E máis, como mulleres víctimas de violencia de xénero. A unha víctima de violencia de xénero no ámbito da parella non se lle di que elexiu estar aí. Esas xustificacións que sirven para amparar a conducta do agresor están desmontadas hoxe en día porque se puido coñecer o fenómeno e se afondou nos resortes que constitúen o feito de que unha muller se desestructura cando recibe sistemáticamente unha indefensión aprendida a través dunha violencia que sempre é primeiro psicolóxica antes de chegar á física. O primeiro que lle pasa a unha muller que está en situación de violencia de xénero é que ten que superar a vergoña que sinte por estar sufrindo e permitindo esa situación. O mesmo sucede coas víctimas de prostitución. Por eso é violencia o acceso ao corpo doutra persoa por prezo, estás quebrando a vontade, o desexo... Un montón de límites que si que hai noutras relacións sexuais.

Agora proliferan moitas plataformas de pago por acceso a contidos sexuais. Está ao mesmo nivel que a trata?

Polo que xa se vén investigando en plataformas como OnlyFans, estaríamos tamén neses marcos de violencia, porque a persoa vese coaccionada para facer cousas que noutras situacións non faría. E iso conleva un dano, sobre todo cando se incurre nunha prostitución encuberta, practicamente. Estase encontrando que no espazo dixital ampáranse e invisibilízanse moitas formas de prostitución e de proliferación do mercado do sexo e do sistema prostitucional. Así, estase captando xente de todo tipo, non só mulleres migrantes empobrecidas: cáptanse adolescentes, persoas descoñecedoras do que poden atoparse ao verse coaccionadas para vender imaxes de ti espidas. A partir de aí comeza unha escalada onde ao final podes estar facendo cousas que te xeran un dano e que tes que disociarte para poder facelas. Moitas mulleres que están nesas plataformas quedan danadas psicoloxica e fisicamente. Temos unha responsabilidade institucional de protexer, sobre todo a menores, de todo este tipo de prácticas que constitúen violencia. Hai que establecer límites.

A cuestión do abolicionismo chegou a abrir debates dentro do propio feminismo. Hai liberdade dentro do traballo sexual?

Non é traballo nin é sexo. As relacións laborais teñen que manterse nun marco de igualdade e respetando uns límites. Iso non se dá na prostitución, non se dá cando se mercadea con un corpo. E non hai sexo porque estás instrumentalizando o corpo doutra persoa para o teu propio placer. Será outra cousa, pero relación sexual non é porque non tes en conta á outra persoa. En canto á liberdade, a que liberdade apelamos? Á do comprador? Si, está impoñendo a liberdade de exercer o que moitas consideramos un privilexio: considerar que o teu desexo é un dereito que ten que satisfacerse a costa do sufrimento e a desconsideración da outra persoa. Exércese a liberdade dunha das partes. A outra vese quebrada ou, polo menos, viciada. Hai mulleres que deciden que se acceda ao seu corpo por un prezo e durante un tempo o intentan sobrelevar, pero ese é un marco de liberdade constreñido dentro da consideración ética que debemos manter nas relacións.

Contenido patrocinado

stats