Samuel Diz: “O festival ‘Música no claustro’ quere deixar un legado”
“Gústanos provocar un diálogo entre o global e o local”, di o director artístico do festival 'Música no claustro'
O festival “Música no Claustro” cumpre a súa maioría de idade. Mañá inaugúrase a súa dezaoito edición na localización tradicional, o claustro da Catedral de Tui. O seu director artístico, Samuel Diz (Tui, 1986) visitou o set de Atlántico TV para falar desta nova entrega que envolverá o templo en música ata o mércores, 7.
Non é doado que un festival chegue ás 18 edicións.
É unha celebración ter chegado ata aquí, non sen dificultade. Pero temos un público encantador que nos dá un chute de enerxía e aos artistas que nos visitan nun espazo único, o claustro medieval da catedral de Tui.
Esta localización contribúe a facelo especial?
É o único claustro medieval conservado nunha catedral galega. O festival comeza coa luz do día e remata coa noite; está centrado na música, o espazo destaca unha melodía para ouvir.
Cal é o cartel deste ano?
Propón unha reflexión sobre identidade atlántica, o lugar onde vivimos. Dende a catedral como centro da diócese, convidamos a ollar a iconografías atlánticas de San Telmo e ao tempo, tocan os artistas, que marcan unha liña de costa dende África, con Mali e Ghana, pasando por Canarias, Portugal, Galicia, Francia e Reino Unido.
Que teñen en común músicos de territorios tan distantes?
É ese desexo de comunicar que a música pode ser a linguaxe que une diversidade social. É bonito ver esa diversidade no público do festival, de diferente orixe, xeito de pensar. A min sempre me emociona. Logo esa combinación de países lonxanos, como o Trío da Kali, de Mali que acaban de sacar un disco baseado na tradición oral do século XII, pero tamén hai propostas contemporáneas como as de Lula Pena, de Portugal e achegas galegas. Gústanos facer ese diálogo entre o global e o local. Neste ámbito abordaremos o texto de John B. Trend sobre a música en Galicia. En 1922 fixo unha viaxe por Galicia coñeceu melodías, encontrouse con Castro Sanpedro o Perfecto Feijoo. En Cambrige, hai unha carta onde o conta todo, amais do documento que publicou en 1924. Trátase do primeiro estudo divulgación sobre a nosa música nun medio anglosaxón. Permítenos recuperar ese texto, baixo unha ollada musical coa versión a cargo de Pedro Lamas, Germán Díaz e Romero Cienfuengos, e por outra, na liña de investigación, cunha catedrática de musicoloxía en Glasgow que o estudará como residente no festival.
Entón, a achega efémera das actuacións en directo, este festival xera patrimonio documental.
É algo clave para o festival deixar un legado e compartir novas narrativas a través das nosas canles. Tras anos de investigación, interpretamos e gravamos a misa medieval de San Telmo, tras estar a súa partitura cinco séculos silenciada, ou o disco “Ecos de Breogán”, da oboe Iria Folgado, que nace nunha residencia de festival. Son exemplos de proxectos que xurden no festival.
Contenido patrocinado
También te puede interesar