Roberto Mera: “O meu tío bisavó axudou a evacuar 17.000 refuxiados de Francia a México”

"Comecei a investigación no ano 2000 porque coñecía pouco ou nada esa parte da familia", di o escritor

Roberto Mera: “O meu tío bisavó axudou a evacuar 17.000 refuxiados de Francia a México”

Roberto Mera é un escritor, político e avogado nado en Ponteareas. Quixo plasmar a vida do seu tío bisavó no libro da editorial Belagua “Alejandro Viana: un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”. Agora, esa biografía pode converterse nun documental para amosar o traballo dun home que loitou contra o fascismo e buscou a vida para sobrevivir. 

No libro conta a historia do seu tío bisavó. Quen era Alejandro Viana?

O libro consta dun traballo de investigación que fixen sobre Alejandro Viana. Era irmán da miña bisavoa. Comecei esa investigación o principio do ano 2000 porque non coñecía nada ou moi pouco desa parte da familia. Levoume anos, pero él deixou un rastro documental espectacular. Nace en Ponteareas no 1877 e morre en México no 1952. Ata o 1936, en Vigo foi un personaxe moi destacado da vida social, política e empresarial da cidade. A partir do 36, sendo xa deputado das Cortes na Segunda República, fuxe a Francia e desenvolve un papel fundamental na labor humanitaria. No libro abórdase a etapa dende o 1936 ata o seu pasamento en México. Sobre todo centrado nese papel que tivo en Francia entre o 39 e o 41. 

Cal era exactamente o seu rol en terras galas?

El asume unha responsabilidade dentro dunha organización que constitúe o goberno republicano no exilio para atender a ese millón de refuxiados. Inicialmente, en abril do 39, foi designado xefe do Servicio de Emigración e dedicábase a dar axuda humanitaria. Comida, roupa, aloxamento a nenos orfos… Pero dentro desa labor, estaba unha tarefa concreta que era a da evacuación, de trasladar de Francia a América o maior número posible de refuxiados. Alejandro foi o encargado de organizar barcos e expedicións colectivas fundamentalmente a México, pero tamén a República Dominicana e tamén a Chile, onde estaba Pablo Neruda como cónsul do goberno chileno en Francia. Estivo con Viana en Burdeos, xestionando un embarque para máis de 2.000 refuxiados. Evacuou aproximadamente sobre 17.000 persoas en ducias de expedicións colectivas. 

Iso trouxo a Viana algúns problemas? 

Si. O goberno de Francia, xa dende o principio, recoñece o goberno de Franco e ten que actuar un pouco baixo unha alegalidade dunha protección que lle brinda a diplomacia mexicana. Pero houbo presión dende os franquistas para perseguir esa actividade en Francia. Iso iniciou un tempo de hostilidade por parte das autoridades francesas que levaron a Viana a sufrir rexistros domiciliarios, intervencións policiais e vai ser sometido a unha causa xudicial. Escapa a Burdeos para seguir atendendo aos refuxiados, pero cun risco importante de ser secuestrado. De feito, sofre un intento de secuestro que logra eludir grazas a una confidencia e escapa ata a fronteira con Suiza. Foi unha odisea. 

O libro foi seleccionado para o Festival Internacional de Cine Documental de Biarritz. Ten chance de converterse nun documental? 

O mérito é a propia historia. Hai moitísimas memorias de xente no exilio que fala de Alejandro Viana. Contan a súa historia con él. Tivo xa varios recoñecementos como o Premio de Investigación Antón Losada. E agora este en Francia. A Federación do gremio de Editores tiña que seleccionar dúas obras de entre 800 para representar no festival. Esta investigación foi un de eles. Neste festival se dan cita centos de produtoras, e talvez algunha teña interese en adaptar o libro ao audiovisual. E a investigación continúa aberta. Sigo atopando cousas novas, documentación con testemuñas que o coñecían daquela época. É fáltame recoller toda a súa etapa e traballo en Vigo e o que fixo en México.

Contenido patrocinado

stats