Roberto Brañas: “Amosarse en Times Square é interesante, nunca se sabe onde pode estar o nicho de mercado”

O artista e profesor do IES Castelao participa nunha mostra que reúne obras de artistas galegos e valencianos nas pantallas do corazón de Manhattan

Roberto Brañas: “Amosarse en Times Square é interesante, nunca se sabe onde pode estar o nicho de mercado” | Atlántico

Roberto Brañas, debuxante e profesor de arte no IES Castelao, é un dos artistas galegos que amosarán hoxe a súa obra nas pantallas xigantes de Times Square, en Manhattan. Con tal motivo visitou o set de Atlántico TV.

Como se sinte un ao saber que un dos seus debuxos é visible por millóns de persoas?

Unha experiencia así, amosarse en Times Squarem sempre é interesante. Nunca sabes onde poden estar os teus nichos de mercado. É unha proposta dunha compañeira galerista de Valencia, que agora reside en Moaña, Enriqueta Hueso. Consiste en proxectar varias veces ao longo de 24 horas obras duns 12 artistas galegos e tamén de valencianos.

Participa cun retrato feito cunha técnica moi curiosa, a boli. Que peculiaridades achega?

Traballo normalmente con bolis, o típico bic, o que se coñece como o boli de punta, pola típica boliña con tinta aceitosa. Traza dun xeito diferente que un pilot ou algo que estea baseado na auga. Co aceite, pódense lograr determinados degradados, e tamén unha cor intensa. Utilizo varios grosores de boli: a punta fina, a punta media, e agora hai un coa puntiña un pouco máis grosa. Dá máis facilidades para crear diferentes texturas, algo que me gusta moito, e tamén pola súa intensidade.

Tamén utiliza outra técnica moito máis artesanal, coa punta de prata.

Estou recuperando esa técnica ancestral, que se inventou no gótico e tivo o seu momento máis álxido no renacemento. Había pintores como Rafael ou Leonardo da Vinci que utilizaban habitualmente e que aínda se conservan perfectamente. O que me interesa é a súa precisión a hora de traballar e a súa evolución, xa que unha vez rematado vai sufrir oxidación achegando tons diferentes. Por exemplo, o cobre, o que máis me gusta, consigue chegar a tonalidades verdes, incluso típicos das esculturas de bronce.

É unha técnica moi artesanal, non? Moi de preparación en taller.

Sí. Hai que preparar primeiro o soporte, utilizando unha base de madeira ou un papel. Hai que imprimilo con gesso, unha mestura de cola de coello e carbonato de calcio, un pó branquiño. É moi abrasiva para os metais brandos, como a prata, o ouro, o latón ou o cobre. Outra cousa pouco común que fago tanto cos bolis como coa punta de prata, é deixar pequenas manchas de material diluído. Co boli utilizo o alcohol típico de 96º para botar unhas pequenas manchas, recordan as que pode ter unha película antiga ou unha fotografía. Coa punta de prata o que fago, o do cobre sobre todo, é utilizar un pouco de agua con vinagre e sal, e iso tamén fai o efecto de diluír, acelerando a oxidación.

É como meterse no mundo da alquimia. É importante para un artista atopar a súa linguaxe?

Agora que estou co retrato, máis que a temática da miña obra, gústame moito centrarme nun motivo e investigar como representalo con determinados materiais. Hai moita xente que pinta con boli, como o madrileño Fernando Casas, pero sempre o fai con boli azul e coa técnica tradicional, crosshatching, a base de trazas de liñas. Eu prefiro probar cousas novas como pequenos garabatos, ás veces co puntillismo, outras a base de marcas cunha máquina de tatuaxe, co que ese puntillismo é moito máis rápido e cunha textura diferente.

O que non sabe moita xente é que antes de debuxante foi escultor.

Cando empecei a carreira de artes xa estaba máis centrado no debuxo, pero nos primeiros cursos collinlle o gusto á escultura. Non sei si polos profes que me tocaron de cada materia, pero acabei facendo a especialidade. En Pontevedra en concreto había pintura, escultura e audiovisuais. Despois dun tempo traballando coa escultura, regresei ao debuxo. Sempre o tiven como ferramenta, é preciso para deseñar calquera proxecto.

E desa época xurdiu a colaboración con Xulio Lago en ‘Vigo Transforma’ ou coa cadeira xigante de Meira.

A cadeira é icónica, xa foi 2010.

Aínda lles persigue o seu éxito?

Si. Témola desmontada, pero dentro de pouco vai volver a coller forma no recibidor do auditorio de Cangas, onde Xulio vai facer unha retrospectiva da súa obra.

Contenido patrocinado

stats