Raquel Rey: “Para min non hai un límite na inclusión, a clave é non dar nada por pechado”
"Ao depender directamente do reitor a Universidade dinos con feitos que a diversidade é unha prioridade real na institución", di a directora de Diversidade da UVigo
A Universidade de Vigo creou a finais do ano pasado a Unidade de Diversidade, unhas competencias que antes pertencían a unha vicerreitoría e que agora dependen directamente do reitor, que nomeou a Raquel Rey como primeira directora deste servizo que buscará a plena integración de todo o estudantado na institución.
Como foron estes primeiros meses á fronte da unidade?
Moi intensos, de moita aprendizaxe e profundamente gratificantes. Déronme a oportunidade de ir coñecendo as experiencias, inquedanzas e actividades que se desenvolven na UVigo conforme ás temáticas de diversidade. Esta unidade creouse sempre pensando que tiñamos que iniciala dende o diálogo, escoitando e traballando colaborativamente entre todos os servizos e centros da institución porque estou convencida de que esta é a forma coa que podemos chegar a avanzar. Xa demos uns pasos, poucos pero significativos, pero seguimos escoitando ás persoas, as súas inquedanzas e necesidades, e dende aí iniciamos o noso camiño para ter unha universidade máis inclusiva.
Piune (Programa de integración de universitario con necesidades específicas) é o programa estrela da unidade, aínda que xa existía de antes. Como valora a súa integración no día a día da universidade?
É un dos programas máis importantes dentro da UVigo conforme á diversidade. No día a día nótase o seu impacto nos centros e na comunidade estudiantil. Permítelles desenvolverse dentro da universidade e as persoas que están dentro de Piune séntense incluídas. Valoro tanto a parte de recursos de apoio académico como a parte humana, as persoas que traballan co Piune. Dende as que traballan en extensión universitaria ata as que son responsables do programa en cada un dos centros como os titores que traballan cada día con estas persoas. Por suposto, sempre hai aspectos a mellorar, pero creo que Piune reflicte moi ben o compromiso da Universidade de Vigo coa inclusión real no día a día.
Cantos estudantes están integrados no programa?
Temos arredor de 230 persoas dentro do Piune. Pero iso non quere dicir que non haxa atención e tamén sensibilidade por parte do profesorado cara a persoas que non se adhiren ao programa e precisan doutro tipo de apoios.
Como vai funcionar o novo servizo de psicopedagoxía que agora pasa a formar parte do Piune?
Ata agora tiñamos o apoio do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia para a atención psicopedagóxica. Estes dous profesionais van a aportarnos unha atención máis personalizada e máis cercana para o estudantado. Vai ser un apoio non só para a parte académica, senón tamén para a parte da inclusión na propia institución.
A UVigo celebrou por primeira vez o Día do Libro LGTBIA+ coa colaboración da Unidade de Diversidade. Que outras iniciativas hai previstas para apoiar a este colectivo?
Tras o éxito desta actividade, temos planeadas varias máis. Estamos comezando a organizar algo de cara ao 17 de maio, que é o día internacional contra a LGTBIfobia e tamén para o día 28 de xuño, o día internacional do orgullo. Pero tamén estamos a traballar en crear espazos seguros e abertos a todas as persoas diversas.
Ademais do colectivo LGTB+, a Unidade atende ás persoas con diversidade funcional e necesidades educativas específicas. En qué punto está a UVigo na atención a este colectivo e como cre que pode mellorar?
A Universidade xa leva recorrido un bo camiño na inclusión á hora de traballar coas persoas deste colectivo. Programas como Piune permitiron que poidan avanzar na súa etapa universitaria. Porén, seguimos aprendendo e crecendo. Para min non hai un límite na inclusión das persoas con diversidade capacitativa, a clave está en non dar nada por pechado e manter sempre esa vontade de avanzar, de facelo mellor e coidar todas as persoas que forman parte desta universidade. Vamos por un bo camiño pero o obxectivo é ir construíndo unha universidade máis inclusiva onde todas as persoas, independentemente da súa identidade ou das súas capacidades, sexan recoñecidas, valoradas, e sobre todo partícipes da comunidade.
Que vantaxes supuxo que as competencias de diversidade pasasen a depender do reitor e non dunha vicerreitoría?
É moito máis que un cambio organizativo. É unha forma de dicir con feitos que a diversidade é unha prioridade real na UVigo. Este novo encaixe dános a oportunidade de ter maior autonomía para proxectar diferentes programas e para atender de forma máis directa a toda a comunidade. Desta forma dános máis ferramentas para acompañar, propoñer e construír unha universidade onde todas as persoas poidan sentirse recoñecidas e valoradas. Sentinme moi arroupada por todo o equipo e todos os servizos porque creo que a diversidade non debe ser traballada dende as bases, senón dende un eixo central.
Cre que os alumnos con necesidades de apoio educativo chegan ben atendidos dende Secundaria?
Na UVigo vemos que estes estudantes chegan cunha base moi sólida grazas ao traballo que realizan nos institutos. Nótase o esforzo tanto dos equipos de orientación como do profesorado, o cal nos facilita a accesibilidade coa que pode chegar este estudantado á institución. Dende a Unidade de Diversidade traballamos en dar continuidade a este camiño mantendo reunións cos equipos de Secundaria e buscando novas formas de coordinación que permitan unha transición moito máis fluída deste colectivo á nosa institución.
Que plans a medio e longo plazo ten a Unidade?
O obxectivo prioritario é que a Unidade de Diversidade sexa un espazo aberto, un espazo de diálogo e escoita e que todas as persoas teñan a porta sempre aberta para contarnos todo tipo de inquedanzas ou problemáticas que poda ter dentro da institución. Tamén estamos a traballar coa Consellería de Política Social e Igualdade nun programa de integración do estudantado moi importante que pronto faremos público. Ademais, temos un proxecto sobre accesibilidade física e dixital dentro da institución.
Contenido patrocinado
También te puede interesar