Raquel Carrera: “A cultura musical é un activo moi importante para a Universidade”

Nace a primeira orquestra sinfónica da Universidade de Vigo, dirixida pola violinista ponteareá Raquel Carrera

Raquel Carrera: “A cultura musical é un activo moi importante para a Universidade” | Atlántico

A violinista ponteareana Raquel Carrera é profesora no Conservatorio Profesional de Ourense e, dende este curso, a directora da primeira orquestra sinfónica da Universidade de Vigo, que debutará hoxe ás 20,30 horas no Auditorio Martín Códax.

Como xurdiu a idea de montar esta orquestra?

Eu son profesora de violín no Conservatorio de Ourense e moitos dos meus alumnos, cando remataban o grao profesional e optaban polo grao universitario, na UVigo non tiñan esa posibilidade de, polo menos, continuar facendo música dalgún xeito. Na USC hai unha orquestra universitaria, pero a UVigo ten esa carencia e entón pensei que aí había un oco que podía encher. Xurdiume a idea e propúxenllo á vicerreitoría de Extensión Universitaria a finais do curso pasado. Dende o minuto 1 dixéronme que era unha boa idea, puxémonos a traballar e en outubro puidemos comezar a aventura.

Cantos alumnos forman a orquestra?

Hai alumnos, exalumnos, profesores... A orquestra está aberta a toda a comunidade universitaria, pero sobre todo hai alumnado e exalumnado. Agora mesmo somos unhas 35 persoas traballando.

Cal é o perfil da xente que forma parte?

Xeralmente, como son alumnos e exalumnos, a media de idade é de algo máis de vinte anos. Pero si que hai diversidade de idade, xa que temos algúns membros coma min que elevamos esa media (ri).

Como atopou o equilibrio entre instrumentos e o nivel de cada membro?

Foi moi difícil, porque ademais veñen de perfís diferentes. Hai xente que rematou os estudos de grao profesional, que son 10 anos de práctica, outros que non chegaron a rematalos polo que fose, persoas que están aprendendo un instrumento novo e incluso outros que hai moitísimos anos que deixaran de tocar. É unha grande diversidade de perfís que fai moi complicado o traballo, pero á vez é moi enriquecedor para todos. Eu teño que imaxinar como solucionar este problema, buscando o que podemos tocar todos: que uns teñan ese reto de volver a coller un instrumento e que o resto non se aburra.

Con que repertorio debutará a orquestra?

Para este concerto tivemos que tirar dun repertorio que puidese ser asumible polos instrumentos que temos e polos niveis que temos e que fose atractivo para o público. Entón, como non temos aínda unha masa moi grande de orquestra, o núcleo central do repertorio é clásico, do século XVIII. Pero tamén quixen poñer un pouquiño de todo. Haydn ocupa un espazo moi importante no concerto porque imos facer unha overtura del e, sobre todo, un concerto para piano con Nicasio, o noso solista, un profesor do Conservatorio Superior que xa está xubilado e agora é alumno de Tradución e Interpretación. Ese será o núcleo forte do repertorio, pero logo tamén imos tocar a Bartók, Mozart e Rossini. Penso que poderemos abordalo decentemente.

Como foron estes meses de traballo?

Estivo moi ben porque en outubro non nos coñecíamos e agora xa temos un grupiño social moi interesante. Son persoas encantadoras, traballan todas as semanas, son xente moi disciplinada... O reto foi equilibrar os diferentes niveis de habilidade instrumental, pero polo demáis foi moi cómodo traballar con eles.

Hai plans de medrar?

Comezar é difícil, pero manterse tamén. A min a orquestra universitaria paréceme un activo moi importante para calquera universidade, xa que ten que velar pola cultura e por compartir coa sociedade o que xera. E a cultura musical é un activo importante. A UVigo debe intentar mantela, que teña un percorrido longo no tempo e se pode seguir medrando en instrumentistas para facer repertorios máis complexos sería o ideal. Pero o importante é facer cultura e compartila coa sociedade.

Que é necesario para entrar na orquestra?

De entrada, está aberta a calquera persoa que teña ou tivera unha relación coa UVigo, sen importar a súa función, que saiba un mínimo dalgún instrumento sinfónico: toda a familia da corda fretada e ventos como oboes, clarinetes, flautas, fagot, trompas, trompetas, trombóns... Simplemente teñen que avisar á universidade e poñerse en contacto con nós.

Contenido patrocinado

stats