Pedro Feijoo: “Cando me din que son moi gore, sempre respondo que non é certo, é que así é a realidade”

O novelista Pedro Feijoo regresou ao set de Atlántico TV para falar do seu novo libro, “A boa morte”

Pedro Feijoo: “Non amoso a Ribeira Sacra como un escenario de postal porque non sería a realidade”

Presenta ao tempo a edición en galego e en castelán. Chama a atención que compartan portada.

Si, é algo que me alegra moito. Por fin non só replican a mesma portada, ou polo menos a idea, senón que ademais esta vez, conseguín que a novela se titulase como quería que se titulase, que é a miña loita constante. Neste caso, o candil da portada é esa luz que rompe a escuridade, na novela cumpre un papel determinante.

Como en “Onde nacen as bestas”, a súa anterior novela, esta está ambienta no rural galego, nesta ocasión na Ribeira Sacra, un lugar idílico, pero que aquí non semella tan paradisíaca.

Levamos uns anos en que a Ribeira Sacra é un lugar que está de moda, un destino para ir desconectar, descansar, facer os selfies no miradoiro, ir aos paseos en catamarán polo río ou ás catas nas adegas. Todo é como moi bonito, moi de casa rural, moi de fin de semana. Pero se imos atrás, aos anos dos 40 aos 70, a historia é totalmente distinta. O río é un animal vivo, salvaxe, perigoso, que se mete nunhas gorxas de máis de 400 metros de altura, e nalgúns puntos, o leito do río ten máis de 100 metros de profundidade. Hai unhas correntes salvaxes e alí a terra non regala nada, hai que arrancarllo cos dentes. Era una vida moi dura, determinada pola paisaxe. Non amoso a Ribeira Sacra como un escenario de postal porque non sería a realidade.

Volve a inspirarse na crónica negra galega. Seica hai moitas pantasmas agochadas nesta terra?

Si, e neste caso, enfrontándose a cuestións que son totalmente universais, como que facemos cando a morte chama nosa porta; cando se sabe que se vai morrer, non vítima dun crime, senón porque xa chegou a hora, como se afronta esa transición. Tómase unha decisión, sabendo que se vai padecer unha dor terrible, que vai provocar unha dor na casa, incluso problemas. Dito así, parece moi descarnado, moi deshumanizado, pero unha morte que tarda en chegar, en determinados momentos, podía arruinar unha casa e acabar coa economía dunha familia. Como se reacciona, como se xestiona todo iso? Supoño que cada pobo, cada cultura, ten a súa maneira de relacionarse coa morte, e nós tiñamos tamén, daban a boa morte.

Ou sexa que o debate da eutanasia non é algo dos últimos tempos?

En absoluto. Do que falamos aquí é dunha eutanasia popular, socialmente aceptada, que se viña dando desde hai séculos. Faime graza cando alguén cuestiona a lei da eutanasia actual e propón abrir un suposto debate sobre a morte digna si, a morte digna non. Dan ganas de dicirlle “desculpe, vaia vostede a rañala, porque non existe ese debate”. Levamos séculos tomando unha decisión firme sobre ese tema, sobre, chegando o momento, como morremos, como decidimos morrer, como decidimos que nos leven. E aí non había debate ningún. Era algo que estaba totalmente asimilado e decidido. Outra cousa é que non se puidese decir abertamente, porque para as mulleres que daban a boa morte ou bon morrer, sería como confesar un asasinato. Pero esto se facía, por suposto que se facía.

E cun tema tan espiñoso sorprende que Pedro Feijoo teña rebaixado o seu nivel gore.

É que a historia xa é dura abondo como para que eu veña aquí a ter que aderezala con escenas. Cando me din que son moi gore sempre respondo que non, é que a realidade é así. Se non teño máis dun capítulo para tentar provocar o maior impacto posible, ás veces recorro a esas imaxes. Procuro documentarme, empaparme ben da realidade, investigala, somerxerme nela para que cando a traía de volta, poida expoñer os elementos, os ingredientes, as ferramentas enriba da mesa, para que o lector constrúa e saque a conclusión que considere. Neste caso en particular, o que pasou nesta aldea en particular, estas mulleres utilizaban o seu coñecemento de dar a boa morte para aplicalo a algo máis. Penso que a historia xa é suficientemente atroz como para que eu veña aquí a pintala aínda de máis de vermello. Xa se encarga a realidade de poñernos a todos no seu sitio.

Comenta que se recluíu na Ribeira Sacra para lograr esa atmosfera claustrofóbica. Como foi a experiencia?

Eu ía buscando a historia real que hai detrás da novela. Non se tería dado se ese espazo non fose xustamente así pechado e illado. Agora podemos chegar no coche en menos de dúas horas, pero naquela a comunicación era moi complicada, o camiño era inaccesible e o río era unha fronteira natural practicamente insalvable. Se estas mulleres se vían de súpeto nunha situación de perigo, estaban atrapadas alí, así que eu quixen contalo ben e precisamente como agora é un destino turístico tan de moda, o que precisaba era abstraerme dese espazo que hai na actualidade. Esa postal tan bonita sempre é no verán ou na primavera, o resto do tempo, o inverno alí é durísimo e frío. Había semanas nas que de verdade non vía ninguén, semanas nas que estaba completamente só no medio do canón. Se a min, que estaba alí por vontade propia, hai un momento no que xa me empeza a pasar factura, imaxina ese mundo que te machaca e do que non podes saír.

Despois dun proceso de produción tan esixente. Como ve agora á criatura?

Co máis marabilloso terror, porque ata este momento, era a miña responsabilidade, estaba nas miñas mans. Pero no momento no que se publica, o libro deixa de ser dun e agora xa é do lector. Non vou ir detrás explicando, agora xa depende da percepción que lle suxira a quen le. O único que podo facer é estar na miña casa.

Saíu ao tempo en galego e en castelán. Hai adaptación ou é a mesma versión?

Esta novela está escrita orixinalmente en castelán, parece que é unha cousa que hai que esconder. A novela nace dunha conversa coa miña editora en Barcelona e para poder traballar con ela, decidín facelo a inversa. Ao chegar ao final, unha vez que tiven o texto pechado, volvín sobre a novela. A xente fala de autotradución. Eu non me traduzo. O que fixen foi reescribir toda a novela en galego, porque o único que me importa é que flúa esa naturalidade, que sega sendo algo vivo. Apetéceme que se saiba que é así porque parece que temos que estar aquí pedindo perdón por traballar.

Contenido patrocinado

stats