Pedro Arias: "Dende a universidade e dende as empresas aínda hai reticencias a traballar en conxunto"

Pedro Arias é catedrático da Escola de Enxeñaría de Minas da UVigo e recibiu a medalla Isidro Parga Pondal da RAGC

Pedro Arias, durante a súa visita a Atlántico TV.
Pedro Arias, durante a súa visita a Atlántico TV.

Pedro Arias Sánchez, catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da Universidade de Vigo, foi galardoado esta semana coa medalla Isidro Parga Pondal da Real Academia das Ciencias. Visitou Atlántico TV para falar deste recoñecemento.

Como se tomou este recoñecemento por parte da Academia?

Todo tipo de recoñecementos sempre son benvidos e agradables. Pero isto responde a toda unha vida profesional, xa sobre 28 anos. O único que supón isto é un certo recoñecemento, un espaldarazo a todos os meus anos de carreira. Pero isto non é un fito en si mesmo nin algo que se busque, é un produto do día a día de moitos anos.

Unha das súas especialidades é a xeointelixencia. En que consiste?

Engloba dous aspectos: por unha banda todo o que está relacionado coa distribución no espacio dos diferentes elementos que hai no territorio, e pola outra, está relacionado con un concepto relativamente novedoso como é a intelixencia artificial. O que facemos, entón, é unha análise da información xeoespacial, de como os elementos do espacio se distribúen para tratalos con técnicas de intelixencia artificial para entender mellor os fenómenos que se producen no territorio e, sobre todo, intentar anticiparnos e predicir o que vai ocurrir, facer esas simulacións de como afectarían ao territorio e aos usuarios diferentes cambios.

A Enxeñaría de Minas ten fama de arcaica pero en realidade é unha carrera moi técnica que se actualiza constantemente.

Efectivamente. As liñas nas que traballamos forman parte da formación dos enxeñeiros de minas e de enerxía. É clave e crítico entender como se distribúen os recursos minerais sobre o terreo, que ocorre en determinadas circunstancias cos mesmos, como se distribúen os recursos enerxéticos, como pode afectar o cambio clmático no seu comportamento...

Recentemente presentou un proxecto europeo sobre a reciclaxe dos refugallos nas demolicións. Como cambiaría este proxecto estes traballos?

Os proxectos europeos sempre responden a necesidades que a Comisión Europea detecta que son prioritarias para as políticas que Europa promove e a partir de aí presenta convocatorias para que os grupos presenten solucións aos problemas que plantexa. Adoitan ser problemas complexos e multidisciplinares, que requiren a participación de expertos de diferentes campos, como é este caso. Aquí a Comisión plantexou a necesidade de reducir os refugallos que se xeneran cada vez que se acomete unha demolición de edificacións ou reformas. Nós abordamos unha parte, que está relacionada con como é a relación espacial de todos os elementos que compoñen un edificio, como se comportan e cal é o mellor uso para estes materiais. Este proxecto plantea unha búsqueda de solucións sobre como se reduce a destrución dos materiais para que poidan ser reutilizados e se poidan incrementar as taxas de reutilización dos mesmos. Levamos apenas seis meses e estamos abordando o estudo de diferentes técnicas para determinar o comportamento dos materiais cando se someten a determinados procesos de demolición.

As súas liñas de investigación e, en xeral, as das enxeñarías do campus, están moi ligadas ás empresas da contorna. Como de fluída é esta transferencia do coñecemento?

É unha cuestión moi interesante. A relación da Universidade co sector empresarial sempre é complexa. Hai diferentes factores que afectan. Tanto dende a universidade hai unha certa reticencia a abrirse ao mundo exterior e saír dos laboratorios e dende a empresa tamén hai unha certa reticencia hacia o que se fai dende a universidade. É un problema complexo, con moitos vértices e que pouco a pouco vai mellorando. Ao longo da miña vida profesional claramente detecto un cambio de comportamento, pero todavía ten moito recorrido e marxe de mellora. Conseguir chegar a todos os actores e sensibilizar necesita tempo.

Hai algo máis de 10 anos vostede era o director da Escola de Minas. Cre que cambiou moito dende entón?

Moitísimo. En primeiro lugar, os planos de estudo. Cambiaron radicalmente hai uns 12 anos. Houbo un cambio absoluto no concepto de formación, de como esta se concebía e se plantexa. Despois, dende a perspectiva dos alumnos tamén cambiaron moito os perfís dos estudantes. A formación que reciben e a súa receptividade ante os novos métodos formativos evolucionaron moi rápido nos últimos anos.

Contenido patrocinado

stats