Patricia Sánchez Abeal: “A poesía foi a forma de volver conectar con Galicia tras estar fóra”
“No libro acompañoume a poeta Dores Tembrás, fun escribindo e recibindo observacións, ten un xeito de traballar moi depurado”, sinala Patricia Sánchez Abeal
Patricia Sánchez Abeal (Betanzos, 1981) é comunicadora e poeta, e vén de publicar o poemario “Dobre trazo”, unha visión intimista da familia.
Por que decides abordar esta visión familiar en “Trazo dobre”?
A decisión de traballar neste tema foi, en certo modo, dada, porque considero que ás veces non somos nós quen escolle as nosas obsesións ou o que nos chama a atención, senón que é algo que nos vén dado e temos que atopar como responder a iso que ocupa a nosa mente. A idea xurdiu cando tiven os meus fillos, hai xa nove anos, e, como moitas nais, comecei a preguntarme “como o fago eu?” Entón acudín a libros de crianza, de maternidade… pero sentía que a linguaxe que necesitaba non estaba só neses libros, senón na literatura, que para min sempre foi unha fonte moi importante de coñecemento, do mundo e de min mesma. E, en concreto, na poesía, que sempre foi un xénero moi presente na miña vida. Así comecei unha procura a través da poesía: agora teño unha responsabilidade e quero mirar ao futuro, pero para iso teño que mirar ao pasado. Cando fun nai, foi unha forma de volver a vivir a miña vida, de volver a mirar atrás, e iso significaba mirar tamén a miña familia. Esa foi a orixe de Trazo Dobre.
No poemario, hai moitas anécdotas persoais ou tamén hai ficción poética?
Hai unha mestura. A estrutura do libro é bastante narrativa. Primeiro hai lembranzas e anécdotas da miña infancia. Despois entramos na idade adulta, pero sempre a través do pouso da memoria, que está sempre presente, e mirando tamén cara ao futuro. Hai anécdotas persoais, pero tamén imaxinación, literatura, ficción e diálogo con lecturas doutros autores e autoras. E hai, sobre todo, un coidado pola linguaxe que fai que sexa unha obra literaria e non unha autobiografía.
Dende os teus primeiros poemas, notas unha evolución na escrita, adaptada ao peso do poema?
Este é o primeiro libro que publico soa nunha editorial como Galaxia. Antes tivera poemarios en edicións colectivas. É certo que ata este libro tiña outras obsesións, outras preocupacións, cunha linguaxe quizais menos depurada. Neste traballo acompañoume a poeta Dores Tembrás, coa que fun escribindo e recibindo observacións. Escollina porque ten unha maneira de traballar moi depurada. Interesábame atopar un ton que non fose nin demasiado culto nin vulgar. Ese traballo coa linguaxe é o que define este libro.
Comezas o libro adicándollo a teus pais e cunha cita da nobel Szymborska. Que autoras influíron na túa poesía?
O libro é unha homenaxe á miña familia, especialmente aos meus pais. Cando chegamos á idade adulta decatámonos do importante que é o que recibimos, e eu só podo agradecer ter nacido na familia na que nacín, unha familia normal pero con moito amor. Tamén é unha débeda con todas as autoras que me preceden, que aparecen ao longo do libro. Entre elas, Szymborska é unha referencia fundamental pola súa forma de empregar a linguaxe, sempre fuxindo do artificio e achegándose ao humano. Ela dicía que escribía coma se alguén estivese detrás dela rindo, dicindo: “ti non falas así, entón non escribas así”. Esa idea está moi presente no meu xeito de escribir. Ademais, hai moitas autoras que me acompañan: Dores Tembrás, Sara Herrera Peralta, e moitas da literatura galega como Eva Veiga, Chus Pato, Yolanda Castaño, Olga Novo, Silvia Penas, Elvira Ribeiro ou María do Carme Kruckenberg. É unha maneira de recoñecer e homenaxear o seu traballo.
Teñen un peso moi grande as poetas na nosa literatura…
Si. Eu vivín moitos anos fóra de Galicia, e a forma de volver conectar coa miña identidade foi a través da poesía e das poetas que temos. Moitas están a ser recoñecidas a nivel estatal, pero aínda sen iso xa hai unha enorme calidade. Estar un pouco á marxe do centro permite ás veces unha maior liberdade creativa e unha literatura máis ousada.
Haberá presentación?
Si, este mércores estarei na Casa do Libro, en Vigo, ás 19,30 horas, presentando o libro, algo moi especial para min porque levo 18 anos vivindo nesta cidade. Tamén o 9 de abril estarei na libraría Paz, en Pontevedra. E en maio e xuño teño previstas presentacións en Betanzos e na Coruña.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último